O Pasatempo de Mondoñedo, 23 anos dinamizando a vida cultural

Por Ana Somoza.
A Asociación Cultural O Pasatempo leva máis de dúas décadas converténdose nun dos grandes dinamizadores da vida social e cultural de Mondoñedo. Ao longo destes 23 anos, o colectivo foi ampliando horizontes, diversificando propostas e consolidando un modelo de traballo baseado na colaboración, no voluntariado e nunha fonda paixón pola identidade mindoniense. Nunha conversa demorada, os seus representantes repasaron a traxectoria da entidade, lembraron os seus inicios e reivindicaron o papel que desempeñan nunha cidade pequena que, segundo subliñan, “merece ter actividade cultural durante todo o ano”.
ORIXES. A asociación naceu arredor do ano 2003 cun propósito moi concreto: facer teatro. Segundo explican, a primeira directiva impulsou o proxecto “para a realización de obras teatrais”, co convencemento de que existía unha carencia neste eido. Durante aqueles primeiros anos, os integrantes ensaiaban practicamente todo o ano para levar aos escenarios montaxes que mobilizaban tanto a actores afeccionados como a público fiel.
Recoñecen que, naquel momento, a principal inquietude era “cubrir as necesidades teatrais” da cidade. Mondoñedo contaba cunha rica tradición cultural, pero botábase en falta unha estrutura estable que promovese espectáculos dramáticos de maneira continuada. Así, O Pasatempo converteuse nun espazo de encontro para persoas con inquedanzas artísticas que atoparon no teatro unha vía de expresión e convivencia.
Co paso do tempo, a entidade foi evolucionando. A nova directiva encabezada por Ramiro, e posteriormente por Israel, decidiu “coller o temón” e ampliar o abano de actividades. O teatro deixou de ser a única prioridade para dar paso a unha programación máis ambiciosa e variada, que incluía participación activa no Mercado Medieval, a organización dun torneo de fútbol sala, exposicións fotográficas, a Festa da Árbore, o Foleón de San Xoán ou o Magosto.
Hoxe, baixo a presidencia de José Antonio, mantense “unha liña continuísta”, mais sumando novas iniciativas como a colaboración na Cabalgata de Reis, a celebración de musicais e funcións teatrais, o Cocido-Baile de Entroido ou a recuperación da Cea de Gala do venres do Mercado Medieval.
“A inquietude inicial era cubrir as necesidades teatrais da cidade e fomentar a participación artística da veciñanza”
IDENTIDADE. O nome da asociación ten tamén unha forte carga simbólica. Foi escollido pola primeira directiva e, segundo sinalan, “cremos que é un nome moi adecuado”. O Pasatempo remite á Ponte do Pasatempo, situada na parroquia de Bruzos, unha ponte de orixe medieval vencellada á lenda de Isabel de Castro, muller do Mariscal Pardo de Cela.
Para os membros da entidade, esa referencia histórica e lendaria encaixa perfectamente coa súa filosofía: unir pasado e presente, tradición e dinamismo, memoria e futuro. “Representa unha parte da nosa historia”, indican, convencidos de que o nome serve tamén como declaración de intencións.
SOCIOS. Na actualidade, a asociación conta con arredor de 60 socios e socias. O dato máis salientable, segundo explican con orgullo, é a súa composición interxeracional. “A característica máis destacable é a interxeracionalidade”, subliñan, detallando que hai membros desde os 15 anos ata persoas de máis de 80.
Esta diversidade de idades tradúcese nun intercambio constante de experiencias, coñecementos e enerxías. A mocidade achega entusiasmo e novas ideas; as persoas maiores, memoria e perspectiva histórica. Esa mestura, din, é unha das claves do seu éxito e da súa continuidade no tempo.
FILOSOFÍA. A entidade define con claridade o seu obxectivo principal: “dinamizar culturalmente Mondoñedo”. Non se trata só de organizar eventos puntuais, senón de manter unha actividade sostida ao longo do ano. A maioría dos integrantes residen habitualmente na cidade e senten un forte compromiso co seu entorno. “Gústanos que estea viva culturalmente durante a maior parte do ano”, recalcan.
Esa filosofía tradúcese nun calendario intenso. Ao longo dos doce meses colaboran na Cabalgata de Reis, organizan o Cocido-Baile de Entroido, preparan a Festa da Árbore na primavera, impulsan o Foleón de San Xoán no barrio dos Muíños, participan activamente no Mercado Medieval e promoven o Magosto en novembro.
Cada unha destas citas responde a unha idea común: reforzar a cohesión social e ofrecer alternativas de lecer e cultura tanto para a veciñanza como para quen visita a cidade.

FESTAS. Entre todas as actividades, a Festa da Árbore ocupa un lugar moi especial. Desde o cambio de orientación da asociación, esta celebración converteuse, segundo recoñecen, “no oco máis especial da nosa planificación anual”. Recuperar unha tradición documentada xa en 1569, considerada a máis antiga de Europa, supón para eles un motivo de orgullo.
A festa non se limita ao seu evidente carácter ambiental. A entidade decidiu poñer o foco nos máis pequenos. “Que sexan os nenos e nenas mindonienses os verdadeiros protagonistas” é unha prioridade, explican, convencidos de que así garantirán a continuidade dunha celebración “tan propia e arraigada”.
Tamén destacan o esforzo que implica traer espectáculos musicais e teatrais a unha cidade pequena. “Supón un esforzo moi grande, tanto económico como persoal”, admiten. Porén, aseguran que as caras de ilusión do público infantil compensan calquera sacrificio.
No outono, a tradición do magosto adquire un novo pulo grazas ao impulso da asociación. “Sempre houbo tradición de magostos en Mondoñedo”, lembran, pero decidiron darlle “un volume máis grande e facelo popular para todos os veciños”. O resultado é unha Praza do Concello ateigada de xente.
No caso do Samaín, colaboran coa Asociación Xuvenil Xoldra. Os máis pequenos gozan disfrazándose e participando no clásico “Truco ou Trato” polos establecementos do centro, reforzando así a implicación do comercio local e o ambiente festivo.
MERCADO. O Mercado Medieval é outra das grandes citas do calendario mindoniense, e O Pasatempo desempeña nel un papel protagonista. Ademais de colaborar organizativamente, a asociación conta con actos propios durante esa fin de semana.
O venres recrean episodios históricos e celebran a Cea de Gala. O sábado participan no desfile matinal e outorgan credenciais facendo de damas e cabaleiros. Pola noite, organizan unha queimada popular gratuíta na Praza da Catedral. O domingo chega o prato forte: a Voda Medieval polo rito mozárabe na Fonte Vella.
A maiores, aportan numerosos personaxes á ambientación: rei e raíña, bispo, merino e merina, soldados das Mesnadas Mindonienses, guerreiros suevos, damas, cabaleiros ou bruxas. Esa implicación contribúe a que o Mercado sexa unha experiencia inmersiva e participativa.
FUTURO. No que atinxe ao apoio institucional, recoñecen que os principais aportes proceden do Concello de Mondoñedo, da Deputación de Lugo —especialmente da área de Cultura— e da Xunta de Galicia. Con todo, subliñan que o verdadeiro motor é o voluntariado interno: “son os socios e socias os principais colaboradores para poder levar a cabo os eventos”.
Ao facer balance, consideran que o maior logro da asociación é a súa propia continuidade. “O maior logro é a lonxevidade da Asociación e que siga sendo tan activa co paso dos anos”, afirman con satisfacción. Cumprir 23 anos mantendo unha programación intensa non é tarefa doada.
De cara ao futuro, o reto inmediato é “seguir realizando con éxito cada ano os nosos actos principais”. Mais tamén teñen proxectos ilusionantes. Algúns xa se fixeron realidade, como a colocación de placas informativas nas antigas portas da muralla medieval. Outros seguen en proceso, como a posible estatua de Alfonso VII entregando o título de cidade a Mondoñedo ou unha maqueta que amose a evolución urbana ao longo dos séculos.