O persoal do CHUAC protesta pola falta de aparcadoiro e as dificultades de acceso ao hospital

As dificultades para aparcar e os problemas de acceso ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) centraron a protesta celebrada este mércores diante do hospital. As traballadoras e os traballadores mobilizáronse para reclamar solucións ante a perda de prazas de estacionamento provocada polas obras e pola demolición do viaduto coñecido como 'scalextric', que tamén está a complicar a circulación na contorna.
Na concentración participou Avia Veira, do BNG da Coruña, que apoiou as reivindicacións do persoal e resumiu a demanda cunha mensaxe clara: 'Todo o persoal precisa aparcar'.
Un dos principais motivos do malestar está no modelo de estacionamento previsto para o futuro hospital. Segundo denunciou a Xunta de Persoal, na última reunión coa dirección trasladóuselles que haberá prazas suficientes, pero que serán de pagamento para os traballadores. A representación sindical tamén critica que, segundo a información recibida, os cargos directivos disporán de aparcadoiro gratuíto en función da súa categoría.
A protesta reclama que o persoal dispoña de estacionamento suficiente e gratuíto tanto durante o desenvolvemento das obras como unha vez entre en funcionamento o novo complexo hospitalario. Aos problemas de mobilidade derivados dos traballos súmase a falta de alternativas de transporte público suficientes para chegar ao CHUAC. Segundo denuncian os traballadores, as carencias afectan tanto ao servizo urbano, cuxa competencia corresponde ao Concello da Coruña, como ao transporte metropolitano, responsabilidade da Xunta de Galicia. Esta situación dificulta os desprazamentos ao hospital desde a cidade e desde outros municipios da área.