O persoal dos servizos sociais mobilízase en Santiago para reclamar salarios dignos e máis recursos

Persoal dos sectores da discapacidade, menores, educación infantil de 0 a 3 anos, residencias e Servizo de Axuda no Fogar (SAF) mobilizouse este xoves en Santiago de Compostela para reclamar mellores condicións laborais e salariais, máis recursos e un sistema galego público de atención ás persoas.
A protesta comezou pola mañá na Cidade da Cultura, coincidindo coa presenza da conselleira de Política Social, Fabiola García, e trasladouse posteriormente á sede da Xunta en San Caetano, onde se leu un manifesto coas principais demandas dos distintos ámbitos. A mobilización foi promovida polas organizacións sindicais CIG, CUT e SNEP, que denuncian a falta de resposta e de vontade negociadora do Goberno galego.
Entre as principais reivindicacións figuran a redución das ratios, o reforzo dos cadros de persoal e a incorporación de profesionais especializados para garantir unha atención individualizada, segura e de calidade. Os sindicatos advirten de que as persoas traballadoras destes servizos desenvolven o seu labor nun contexto de sobrecarga, falta de medios humanos e materiais e condicións laborais e salariais que consideran necesario mellorar de maneira urxente.
As organizacións reclaman tamén recuperar o poder adquisitivo perdido, actualizar os salarios conforme ao IPC e aplicar os incrementos pactados nos convenios colectivos. No ámbito privado, piden constituír mesas tripartitas galegas, coa participación da Administración, os sindicatos e as patronais, para negociar complementos salariais e avanzar na equiparación das condicións laborais co sector público.
No Servizo de Axuda no Fogar, as demandas céntranse na estabilidade no emprego, o recoñecemento das horas efectivamente traballadas, incluídos os desprazamentos que correspondan, a cobertura de vacantes e baixas e a garantía dos permisos e das vacacións. Tamén reclaman protocolos para previr e afrontar situacións de violencia nos domicilios e nos centros de traballo.
As peticións inclúen medidas específicas para cada sector. No ámbito da discapacidade, solicitan máis persoal, centros públicos especializados e melloras nos recursos de valoración e orientación. En menores, reclaman actualizar a normativa e reforzar os equipos profesionais. Para a educación infantil de 0 a 3 anos, propoñen reducir as ratios, implantar a parella educativa, mellorar os recursos e promover o uso da lingua galega.
No caso das residencias, centros de día e outros recursos para persoas maiores ou dependentes, piden equiparar as condicións laborais e salariais coas do sector público, ademais de reforzar os medios e a seguridade. No ámbito público, demandan tamén máis protección física e xurídica para o persoal técnico, o reforzo dos equipos de menores e a dotación dos centros de educación especial dos profesionais necesarios.
As organizacións sindicais esixen a apertura de mesas de negociación tanto para o persoal do ámbito privado como para o público. Advirten de que, se non se producen avances e non se adoptan medidas efectivas, o conflito continuará e non descartan novas mobilizacións nin xornadas de folga.
«A atención ás persoas non pode sosterse a custa da precariedade de quen as coida», sinalan os sindicatos, que vinculan a mellora dos dereitos laborais dos profesionais coa calidade dos servizos que reciben as persoas usuarias.