O PPdeG leva ao Parlamento unha proposta para evitar discriminacións na contratación dixital

A proposta tamén inclúe a promoción dunha actuación coordinada co resto das comunidades autónomas a través das conferencias sectoriais de Consumo e Servizos Sociais
pp-parlamento-de-galicia
17 Jul 2026

O Grupo Popular de Galicia defenderá no Parlamento unha iniciativa orientada a reforzar a protección das persoas consumidoras e garantir que ningún cidadán teña que renunciar ás vantaxes da contratación dixital para acceder a descontos ou bonificacións recoñecidas legalmente.

A proposta xorde ante unha situación que, segundo sinala o PPdeG, se produce cada vez con máis frecuencia: empresas e operadores que ofrecen tarifas reducidas a colectivos como persoas maiores, familias numerosas ou persoas con discapacidade, pero que esixen acreditar esa condición de maneira presencial, impedindo completar todo o proceso de compra a través de internet.

Os populares consideran que esta práctica constitúe unha discriminación indirecta e lembran que xa existen compañías que permiten aplicar os descontos durante a contratación en liña e verificar posteriormente a documentación necesaria no momento de acceder ao servizo.

Co obxectivo de corrixir esta situación, a iniciativa propón que o Parlamento inste á Xunta de Galicia a reclamar ao Goberno central a modificación da normativa estatal de defensa das persoas consumidoras e da Lei de Familias Numerosas para impedir que o acceso ás bonificacións legais quede condicionado ao uso exclusivo da canle presencial.

A proposta tamén inclúe a promoción dunha actuación coordinada co resto das comunidades autónomas a través das conferencias sectoriais de Consumo e Servizos Sociais para avanzar cara a unha regulación básica común en todo o Estado.

Ademais, o PPdeG aposta por reforzar os mecanismos de inspección, denuncia e sanción da Xunta fronte ás prácticas comerciais que vulneren os dereitos das persoas consumidoras, aplicando a normativa galega mentres non se aproben cambios na lexislación estatal.

Outro dos puntos recollidos na iniciativa é o desenvolvemento de campañas informativas e de sensibilización para que os colectivos afectados coñezan os seus dereitos na contratación dixital e as vías de reclamación das que dispoñen, en colaboración con organizacións de consumidores, entidades sociais e asociacións representativas.

Antes da presentación da proposta, o deputado popular Jesús María Fernández Rosende, impulsor da iniciativa, e a portavoz de Política Social do PPdeG, Raquel Arias, mantiveron unha reunión con representantes de organizacións de consumidores e entidades sociais galegas para recoller as súas achegas e buscar o máximo consenso.

Segundo defenderon os representantes populares, a transformación dixital debe contribuír a facilitar a vida das persoas e non a crear novas barreiras, especialmente para aqueles colectivos que xa contan cunha protección específica recoñecida pola lexislación.

A iniciativa recibiu o apoio de representantes da Unión de Consumidores de Galicia, da Asociación Galega de Familias Numerosas, de Fademga Plena Inclusión Galicia e de CERMI Galicia. Desde estas entidades coincidiron en destacar a necesidade de eliminar obstáculos que obrigan a realizar trámites presenciais e que afectan especialmente ás persoas con discapacidade, ás persoas maiores e ás familias numerosas.

Os colectivos participantes subliñaron tamén a importancia de avanzar cara a unha accesibilidade dixital plena, garantindo que os servizos e produtos poidan ser utilizados en igualdade de condicións por toda a cidadanía.

0.35251617431641