O programa 'Eclipse 2026.8.12. en Lugo' inicia a súa actividade divulgativa no Pazo de San Marcos

Charlas, obradoiros e unha gran observación pública formarán parte da programación previa á eclipse solar total prevista para agosto de 2026
xornada-eclipse-Lugo
3 Jul 2026

O Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo acolleu a conferencia titulada 'As eclipses: a gran danza celeste', impartida por Begoña Nicolás Ávila, profesora de Astronomía e Astrofísica da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Esta actividade supuxo o inicio do programa divulgativo e cultural 'Eclipse 2026.8.12. en Lugo', unha iniciativa organizada polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e doutras entidades participantes.

Dentro da programación prevista, o ciclo continuará o próximo 9 de xullo ás 18:00 horas no Pazo de San Marcos coa charla 'As eclipses na mitoloxía, na historia e nas artes', que será impartida polo divulgador e escritor Moncho Núñez Centella.

Posteriormente, o 23 de xullo, tamén ás 18:00 horas e no mesmo espazo, desenvolverase a conferencia 'De que está feito o Sol?', a cargo do astrónomo do Centro de Estudos de Física do Cosmos de Aragón (CEFCA), Ramón Iglesias Marzoa.

O programa continuará o 30 de xullo ás 18:00 horas no Pazo de San Marcos coa charla 'Mirando o Sol durante unha eclipse', impartida por Salvador Bará Viñas, profesor de Óptica da USC.

O ciclo de conferencias e coloquios pecharase o 10 de agosto ás 18:00 horas na Casa do Saber coa sesión 'A eclipse solar total do 2026 en Lugo', que será ofrecida por Manuel Andrade Baliño, profesor de Astronomía e Astrofísica da USC e investigador vinculado ao CITMAga.

A programación inclúe ademais dúas actividades prácticas dirixidas ao público interesado. A primeira delas será o 'Obradoiro de astrofotografía', que terá lugar o 16 de xullo entre as 17:00 e as 20:00 horas na Casa do Saber e estará dirixido polo astrofotógrafo Dani Caxete.

Pola súa banda, o 6 de agosto, no mesmo horario e localización, desenvolverase o Obradoiro de observación segura da eclipse, impartido polo astrónomo Jorge Gómez Crespo.

O evento central desta programación celebrarase o 12 de agosto de 2026, cando a Lúa cubra completamente o disco solar, provocando unha eclipse total visible desde a cidade. Durante esa xornada organizarase unha gran observación pública en dous espazos emblemáticos do centro de Lugo: o adarve da Muralla, recoñecida como Patrimonio da Humanidade, e o Parque Rosalía de Castro. Nestes lugares instalaranse telescopios e prismáticos solares para facilitar a observación da superficie do Sol durante o fenómeno, ademais de distribuír gratuitamente lentes homologadas co obxectivo de evitar riscos para a saúde visual.

0.47371506690979