O PSdeG acusa a Xunta de cargar sobre os veciños o custo dos novos desenvolvementos de vivenda

Paloma Castro cuestiona a distribución de material aos GES e denuncia falta de persoal e problemas cos equipos
vivenda-alugueiro-recurso
15 Oct 2026

O Grupo Socialista denunciou este mércores no Parlamento galego a xestión da Xunta en materia de vivenda e de servizos de emerxencias. Por unha banda, o portavoz socialista de Vivenda, Aitor Bouza, criticou as condicións propostas aos propietarios dos terreos destinados a novos desenvolvementos residenciais e acusou o Goberno galego de trasladarlles aos veciños parte do custo das actuacións.

Pola outra, a deputada Paloma Castro cuestionou a distribución de vehículos e dispositivos electrónicos aos grupos de emerxencia supramunicipais (GES), así como a falta de persoal e os problemas de funcionamento dos equipos.

Aitor Bouza denunciou que «a Xunta invita e teñen que pagar as veciñas e veciños» polos polígonos de vivendas que pretende desenvolver en Galicia. Así o manifestou durante a comparecencia no Parlamento do director xeral de Vivenda, na que se abordou a Estratexia Galega de Solo Residencial.

O responsable socialista criticou a xestión dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) e asegurou que o Goberno galego pretende ofrecer tres ou catro euros por metro cadrado aos propietarios dos terreos, unha cantidade que cualificou de «ridícula e insultante». Como exemplo, referiuse ao proxecto do barrio de Mallou, en Santiago de Compostela, que está a provocar unha forte contestación social e que terá continuidade cunha concentración veciñal esta mesma fin de semana.

Bouza retou o director xeral de Vivenda a acudir á protesta para repetir os «anuncios e promesas» da Xunta. O deputado socialista sostivo que entre 2009 e 2024 non se fixo nada para dispoñer de solo residencial en Galicia e que, tras dous anos e medio desde o anuncio de 25.000 vivendas, «non hai ningunha».

O portavoz do PSdeG aclarou que os socialistas non se opoñen ao desenvolvemento de solo para construír vivendas canto antes e a prezos accesibles, pero rexeitou que o Executivo galego pretenda facelo «a costa de tódalas veciñas e veciños». Ao seu xuízo, o Partido Popular considera a política de vivenda «un engorro», polo que, segundo denunciou, eliminou a metade do orzamento ao chegar á Xunta e pasou 17 anos sen construír apenas vivendas protexidas.

O socialista reclamou tamén que o Goberno galego atenda a proposta do seu partido de crear un Banco Público de Alugueiro que garanta prezos accesibles para os inquilinos e seguridade aos propietarios. Bouza sinalou que o líder socialista en Santiago de Compostela tamén defendeu esta iniciativa e instou a Xunta a cambiar de posición.

Na súa intervención, Bouza acusou o PP e o Goberno galego de «vir a vangloriarse de incumprir a Lei Electoral», en referencia á visita do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao polígono de San Paio de Navia para anunciar unha promoción de vivenda pública. O deputado lembrou que a normativa electoral establece que non se poden realizar anuncios deste tipo unha vez convocadas as eleccións.
O portavoz socialista criticou que a vivenda pública só lle interese ao PP como recurso electoral e puxo como exemplo a actuación do Goberno de Mariano Rajoy, ao que acusou de rescatar os bancos en lugar das persoas. Tamén censurou que as vivendas fosen consideradas «activos tóxicos» e que se crease a Sareb en vez de poñelas á disposición da cidadanía.

O PSdeG denuncia deficiencias no material dos grupos de emerxencia

Pola súa banda, a deputada socialista Paloma Castro criticou na comisión parlamentaria a distribución de material da Xunta aos grupos de emerxencia supramunicipais. A parlamentaria defendeu a necesidade de investir nestes servizos, pero cuestionou que o gasto público se traduza «realmente nunha mellora da seguridade cidadá».

Castro denunciou que a Xunta entregou vehículos a grupos de emerxencia que nunca chegaron a constituírse, polo que tiveron que ser devoltos. Segundo afirmou, algúns deses vehículos chegaron a utilizarse nalgúns concellos para outras finalidades, como unha festa da escuma, antes de aparecer posteriormente en actos institucionais de entrega de material a outros servizos.

A deputada tamén cuestionou o funcionamento das tabletas electrónicas repartidas hai aproximadamente un ano, que, segundo asegurou, continúan sen funcionar correctamente. Castro explicou que, durante unha xornada de formación para ensinar a utilizar a aplicación Mobilidade, os profesionais descubriron que o programa non estaba instalado nos dispositivos.

«É dicir, entregáronse os dispositivos, organizouse a formación, repartíronse manuais, pero faltaba a aplicación que debía permitir utilizalos para a súa finalidade», resumiu. A socialista engadiu que o problema segue sen resolverse e que as restricións de seguridade impiden utilizar as tabletas mesmo para ferramentas básicas como Maps.

Outro dos problemas sinalados afecta aos equipos de comunicación Tetra. Castro lembrou que a Xunta anunciou un investimento de 1,6 millóns de euros, con financiamento europeo, para dotar os servizos de emerxencias deste sistema e facilitar a súa integración na rede pública Resgal.

Os GES quedaron inicialmente fóra do reparto, pero, cando comezaron a recibir os equipos, descubriron que se pretendía que os concellos asumisen os custos de mantemento e acceso á rede. A deputada denunciou que esta situación afecta especialmente aos municipios pequenos, moitos deles con recursos económicos limitados, malia que se trata de dispositivos necesarios para comunicarse con outros servizos de emerxencias.

Castro advertiu tamén da falta de efectivos nos grupos de emerxencia, mentres se anuncian novos investimentos. Segundo denunciou, hai GES incompletos, peches de bases e quendas nas que traballa unha única persoa.

«De que serve entregar vehículos se non se garante o seu mantemento? De que serve comprar ferramentas se non hai persoal suficiente para empregalas?», preguntou a parlamentaria socialista.

Finalmente, a deputada sumouse á queixa trasladada á Valedora do Pobo sobre o uso da denominación profesional de bombeiros por parte do persoal dos GES. Castro cuestionou que se discuta esa denominación mentres o convenio atribúe a estes grupos intervencións en incendios, salvamentos e outras emerxencias baixo a coordinación do 112.

«Non se pode pedir responsabilidade aos traballadores e ao mesmo tempo deixar sen resolver as dúbidas sobre a súa protección, a súa dotación e as condicións nas que interveñen», advertiu. A socialista reclamou á Dirección Xeral de Emerxencias que dea resposta a esta situación e resolva os problemas que, segundo denunciou, afectan ao funcionamento destes servizos.

0.41148591041565