O PSdeG asegura que Rueda "despreza profundamente" o galego

Silvia Longueira acusa ao goberno galego de levar dous anos paralizando os traballos do pacto pola lingua e empraza a “rematar co proceso e dicir o que van facer”
SILVIA LONGUEIRA PSdeG
20 May 2026

A portavoz de Lingua do Grupo Socialista, Silvia Longueira, acusou ao presidente da Xunta de amosar que “despreza profundamente o galego” logo de levar 17 anos detrás das políticas en contra da lingua que a situaron “en caída libre”. Longueira presentou unha Interpelación no Pleno do Parlamento na que acusou ao conselleiro de Cultura de ter paralizado os traballos do pacto pola lingua, xa que logo de dous anos “non temos nada”.

A responsable socialista reclamoulles que reactiven o traballo das Comisións constituídas naquel proceso para “rematar co proceso e dicirnos o que van facer” para reverter 17 anos de políticas daniñas contra a lingua e a cultura galegas. Neste sentido, acusou ao PP e ao goberno galego de “buscar un problema onde non existía” logo de terse envolto na bandeira de Galicia Bilingüe na campaña de 2009.

Longueira aproveitou o primeiro Pleno do Parlamento logo do Día das Letras Galegas para presentar unha iniciativa na que acusou ao PP de estar detrás da “caída libre do uso da lingua, da cultura galega e do feito diferencial que supón ter unha lingua propia”. Sinalou aos deputados e deputadas daquel partido de sentarse na Cámara autonómica para “facer de barreira” para rexeitar tódalas propostas a favor do galego, igual que frean o recoñecemento do galego en Euiropa.

Criticou que sosteñan a un goberno que inviste apenas seis euros por galego en política lingüística fronte aos 30 euros que inviste Cataluña e os 99 que inviste o País Vasco, o que sinalou que supoñen “datos demoledores sobre o galego e o sector cultural que o rodea”. Neste sentido, apuntou ao uso da TVG e da Radio Galega como “órganos de propaganda do PP” cando deberan ser ferramentas para a xestión da información do país e a divulgación e proxección do galego.

A parlamentaria socialista reivindicou o traballo do goberno presidido por Emilio Pérez Touriño, que situou ao galego “no lugar que lle correspondía” mentres Rueda se situaba detrás das pancartas en contra da lingua.

Longueira puxo como exemplo o traballo do Instituto da Lingua Galega, constituído en 1971 e que foi “fundamental” para a normalización lingüística logo da Transición, a presenza do galego no ensino, a profesionalización da filoloxía galega e a creación dunha base científica moderna para a lingua. Criticou a falla de interese científico da Xunta pola lingua galega, malogrando o impacto económico.

Silvia Longueira presentou ademais unha pregunta oral no Pleno do Parlamento de hoxe na que lle reclamou ao conselleiro de Cultura que confirme canto antes o cofinanciamento do programa de desenvolvemento da IA en galego que está a financiar o Estado. Longueira lembrou que a secretaria de Estado de Dixitalización e IA do Estado ten confirmado a continuidade deste proxecto, e reclamoulle á Xunta que confirme xa a súa participación como xa fixeron outros gobernos como Valencia ou o País Vasco.

Salientou a importancia estratéxica que ten garantir o adestramento da IA en galego, un compromiso que comezou asumindo a USC a través do Proxecto Nós, que recibiu 2 millóns de euros do Perte d Estado, e que posteriormente foi incorporado ao Proxecto Alia a nivel estatal con 1,4 millóns de euros adicionais. Lembrou que o goberno galego aportou no seu día 600.000 euros, pero “estamos agardando pola continuidade futura e non sabemos nada mais do que van facer”.

0.46070098876953