O PSdeG centrarase no próximo pleno na vivenda e na sanidade

O Grupo Parlamentario Socialista centrará a súa actividade no vindeiro pleno do Parlamento de Galicia nas preocupacións reais dos galegos e das galegas, a vivenda e a sanidade. Así o explicou este martes a secretaria de Organización do PSdeG e deputada, Lara Méndez, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces. O secretario xeral e portavoz parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, abrirá a quenda socialista preguntándolle ao presidente da Xunta que valoración fai da ausencia de políticas do Goberno galego para fortalecer os avances sociais en Galicia.
A iniciativa principal será unha proposición de lei para reformar o artigo 60 da Lei 8/2012 de vivenda de Galicia e conseguir que o réxime de protección das vivendas de promoción pública e das de protección autonómica sexa permanente, tamén para as solicitudes que estean en trámite. A norma actual permite que algunhas deixen de ser protexidas e acaben no mercado libre, de modo que o esforzo de toda a cidadanía remata xerando plusvalías privadas.
"O que se constrúe e se financia con cartos públicos ten que seguir sendo público", resumiu Méndez, para quen Galicia non se pode permitir perder nin unha soa vivenda pública cando o acceso á vivenda é unha das principais preocupacións da mocidade e das familias.
En sanidade, os socialistas defenderán unha moción sobre as listas de espera, cunha demora media que, segundo os últimos datos do Sergas, roza os 90 días para unha operación e os 100 para unha proba diagnóstica. "Os pacientes necesitan solucións e non explicacións", afirmou Méndez. O PSdeG pide un plan de contratación de profesionais dedicados a reducir as listas, un sistema de cómputo que recolla todas as persoas que agardan e os tempos reais, competencias para que a Inspección Sanitaria fiscalice as listas cunha avaliación anual pública e unha negociación cos profesionais que manteñen paralizada a autoconcertación.
As dúas proposicións non de lei pedirán á Xunta que dote dun réxime sancionador a Lei 2/2014 de igualdade de trato das persoas LGTBI, doce anos despois da súa aprobación, e que revise o canon eólico. "Unha lei de igualdade que non prevé consecuencias para quen discrimina é unha lei que non se pode facer cumprir", sinalou Méndez, que alertou do acoso escolar por LGTBIfobia e do avance dos discursos de odio, e reclamou tamén actualizar a norma e reforzar o orzamento dos programas para o colectivo. No caso do canon, a repotenciación dos parques reduce o número de aeroxeradores e pon en risco os ingresos dos concellos rurais, polo que o PSdeG propón un reparto proporcional á potencia instalada e un proceso participativo cos municipios afectados.
Na interpelación, o grupo pedirá ao Goberno galego que aclare se considera a interrupción voluntaria do embarazo un dereito e se apoia blindala na Constitución. Méndez lembrou que o PP presentou unha emenda á totalidade á reforma do artigo 43 que o Goberno de España enviou ao Congreso en abril, e que esa reforma decaeu coa disolución das Cortes. "Os dereitos das mulleres non están libres de retrocesos", advertiu.
A pregunta urxente versará sobre os fondos de compensación interterritorial. Segundo o Consello de Contas, Lugo e Ourense non recibiron "nin un só euro" en 2024, como xa pasara en 2022 e 2023, e os socialistas queren saber como o xustifica a Xunta. As preguntas ordinarias tratarán das carencias do CEIP Emilio González López de Cambre, onde 80 nenos e nenas comen nun contedor pensado para 40 e as familias reclaman a renovación dos baños, e da porcentaxe de produtos galegos ou de proximidade na contratación pública alimentaria da Xunta, que a Estratexia Galega de Contratación Pública Horizonte 2030, aprobada en xaneiro, di querer impulsar. "Agora toca comprobar se se está a cumprir", dixo Méndez.
Preguntada polos disturbios destes días en Barcelona e na Coruña e, onte á noite, en Bilbao, Méndez defendeu o dereito da cidadanía a manifestarse e condenou os violentos, veñan de onde veñan, que son, dixo, "os mínimos". Na súa opinión, a xente sae á rúa "con toda lexitimidade" porque o PP e a extrema dereita "xa non se cortan" á hora de falar de recortar pensións, privatizar a sanidade pública ou votar en contra dos decretos de vivenda que protexen as persoas vulnerables, como no caso de Mari Carmen, que tivo que deixar a súa casa de Madrid despois de máis de setenta anos. Citou tamén a cancelación en Castela e León dunha obra de teatro sobre Lorca.
Sobre a remodelación da Xunta, na que Ángeles Vázquez pasa a Política Social e Nicolás Vázquez asume Medio Ambiente, Méndez acusou a Rueda de premiar os principais avalistas de Altri, un proxecto ao que o Goberno central lle dixo que non tres veces, e pediu que o PP non poña o contador a cero despois de dezasete anos de goberno. "No caso da conselleira Ángeles Vázquez sería máis complicado dicilo, porque xa leva once anos", apuntou.
Do acordo entre PP e Vox para o Senado, criticou que a dereita queira manter o control da Cámara Alta "como instrumento para confrontar co Goberno de España" e non para mirar polo territorio nin polas necesidades da cidadanía.