O PSdeG critica a falta de avances contra o desperdicio alimentario mentres a Xunta asegura que as medidas estarán operativas este ano

A Xunta está ultimando unha páxina web específica dentro do portal de Medio Rural, na que se publicará información sobre esta materia
AS PONTES compostaxe
2 Oct 2026

A viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, criticou este venres a falta de avances da Xunta na súa Estratexia de prevención de perdas e loita contra o desperdicio alimentario en Galicia, mentres o Goberno galego asegurou que as principais medidas previstas estarán operativas e a disposición dos sectores implicados antes de que remate o ano.

Méndez censurou a actuación da Xunta durante a comparecencia parlamentaria do director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, e advertiu de que pasaron catro meses desde que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a estratexia tras a reunión do Consello da Xunta do 8 de xuño. Ao seu xuízo, a comparecencia deste venres serviu fundamentalmente para facer unha "contextualización das dificultades" do problema e puxo de manifesto a falta de avances.

"É preocupante que tras catro meses sigamos a elaborar diagnoses, facer enquisas e crear plataformas, cando xa deberiamos estar falando de resultados", sinalou. A deputada socialista lembrou que "estamos en outubro, e isto aprobouse en xuño" e criticou que moitos dos compromisos anunciados polo Goberno galego aínda non estean desenvolvidos.

Méndez cuestionou tamén a creación dunha comisión para abordar esta cuestión e o prazo previsto para o manifesto contra o desperdicio alimentario destinado ás empresas. Segundo explicou, o Goberno galego empregou dous meses en redactalo e leva outros dous á espera de impulsalo.

A parlamentaria do PSdeG reclamou actuar "de xeito inmediato e con medidas tanxibles" en todos os niveis da cadea alimentaria, desde os produtores e a industria de transformación ata a hostalería, os comedores e os fogares. Neste sentido, considerou prioritario medir canto alimento se desperdicia e en que puntos da cadea para poder fixar obxectivos e adoptar medidas efectivas. "O que non se mide, dificilmente se pode mellorar", engadiu.

Méndez defendeu a necesidade dunha "diagnose precisa" para establecer unha política de prevención e lembrou que o Grupo Socialista xa presentara unha iniciativa neste sentido na mesma comisión, que, segundo denunciou, foi rexeitada polo PP. Tamén reprochou á Xunta que aínda este ano se desprazase a comunidades como o País Vasco ou Cataluña para coñecer as medidas aplicadas contra o desperdicio alimentario.

A Xunta asegura que as medidas estarán en marcha antes de final de ano

Pola súa parte, o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, asegurou no Parlamento que as principais medidas desenvolvidas pola Xunta para previr as perdas e combater o desperdicio alimentario estarán operativas antes de que remate o ano.

Cerviño explicou que unha parte importante das iniciativas previstas na estratexia xa están en marcha. Entre elas citou as campañas de sensibilización, a creación dun selo para identificar os establecementos comprometidos contra o desperdicio, presentado esta mesma semana, e a realización de enquisas para diagnosticar a dimensión das perdas alimentarias en Galicia.

O director xeral informou tamén de que a Xunta está ultimando unha páxina web específica dentro do portal de Medio Rural, na que se publicará información sobre esta materia. Ademais, xa está redactado o manifesto contra o desperdicio alimentario e preparada unha ficha informativa para explicar a diferenza entre a "data de consumo preferente" e a "data de caducidade".

Entre as medidas aínda en proceso figuran igualmente a creación dunha distinción anual para empresas e entidades que desenvolvan boas prácticas, a celebración do Día da cociña de aproveitamento en restaurantes e unha iniciativa para elaborar receitas de aproveitamento nos centros de formación e escolas de hostalería de Galicia.

Cerviño fixo tamén balance do programa europeo de distribución de leite e froita nos centros educativos. Durante o curso 2025-2026 participaron 296 centros e máis de 77.100 alumnos. Para o actual curso, os centros solicitantes só terán que indicar o alumnado participante e os días de reparto, co obxectivo de distribuír as axudas de forma proporcional e evitar que queden cantidades sen gastar. O orzamento previsto supera os 964.000 euros.

Durante a comparecencia parlamentaria tamén interveu o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, quen explicou o reforzo do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais realizado este verán.

Segundo indicou, as 42 brigadas da empresa pública Seaga incorporadas durante a temporada de alto risco constitúen un reforzo puntual, intensivo, temporal, selectivo e adaptable do dispositivo ordinario da Xunta. O obxectivo é incrementar a capacidade de resposta durante o período de maior risco, reducir os tempos de intervención, reforzar o ataque inicial e mellorar a detección e extinción dos incendios.

Manuel Francisco sinalou que todas as brigadas chegaron a estar operativas e que se alcanzaron as 181 contratacións previstas.

Case 1.500 solicitudes de axudas polos incendios de 2025 xa tramitadas

Por outra banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, informou de que a Xunta xa tramitou preto de 1.500 das case 2.000 solicitudes de axuda recibidas polos danos provocados pola vaga de incendios do pasado ano.

Estas tramitacións supoñen, segundo os datos facilitados polo Goberno galego, mobilizar arredor de 11,6 millóns de euros. Balseiros asegurou que se aboarán todas as indemnizacións que cumpran os requisitos e que as axudas cobren o 100% do valor de reposición dos bens danados, tanto nas liñas agrarias como nas forestais.

O director xeral explicou tamén que as características da convocatoria están condicionando a tramitación dos expedientes, entre outras razóns porque unha parte importante das solicitudes se presentou en papel e foi necesario requirir documentación adicional en practicamente todas as peticións.

0.40694284439087