O PSdeG denuncia o aumento dos contratos menores no Sergas e acusa a CSAG de silenciar a sanción á familia dun conselleiro

O Grupo Socialista levou este mércores ao Parlamento galego dúas denuncias relacionadas coa xestión do Goberno de Alfonso Rueda: por unha banda, o incremento das adxudicacións mediante contratos menores a grandes empresas da sanidade privada e, por outra, o tratamento informativo da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), antiga CRTVG, sobre a sanción a unha empresa vinculada á familia do conselleiro de Emprego por contratación irregular de traballadores.
Na Comisión Institucional, a portavoz socialista de Transparencia, Patricia Iglesias, denunciou que o Goberno galego multiplicou por catro os contratos "a dedo" asinados con grandes grupos da sanidade privada durante os últimos catro anos. Segundo expuxo a parlamentaria a partir do último informe do Consello de Contas, o Sergas realizou 572 adxudicacións con empresas como Quirón, HM Hospitais, Rivera Salud, Vita ou Recoletas, por un importe total de 9,75 millóns de euros.
Iglesias advertiu ademais de que 39 destas adxudicacións superarían o límite legal establecido para os contratos menores. A socialista levou á Cámara unha proposición non de lei para reclamar a posta en marcha dun Plan extraordinario de control e fiscalización da contratación menor do Sergas, unha iniciativa que foi rexeitada polo PP.
A portavoz de Transparencia tamén puxo o foco nas autorizacións de uso temporal, unha figura que, segundo denunciou, ten carácter excepcional pero estaría sendo utilizada de maneira habitual pola Administración sanitaria. Segundo os datos manexados por Iglesias, este mecanismo supuxo 249,5 millóns de euros para o Sergas.
A parlamentaria reclamou medidas para evitar o fraccionamento dos contratos e garantir a publicidade, a concorrencia e a transparencia na contratación pública. Ao seu xuízo, o uso destas fórmulas acaba favorecendo ás grandes empresas privadas e prexudicando a calidade asistencial da sanidade pública.
Críticas ao tratamento informativo da CSAG
Na Comisión de Control da CSAG, a portavoz socialista, Silvia Longueira, centrou as súas críticas no tratamento que os servizos informativos da televisión pública galega deron á sanción imposta a unha empresa da familia do conselleiro de Emprego por contratar de maneira irregular dous traballadores inmigrantes en situación irregular.
Longueira asegurou que a información sobre o caso quedou reducida a "unha liña a modo de boletín oficial" emitida no informativo matinal oito días despois de coñecerse os feitos. A socialista cuestionou así á dirección da CSAG por, segundo a súa versión, facer pasar "absolutamente desapercibido" un asunto que afectaba á familia dun membro do Goberno galego.
A portavoz socialista criticou que nos informativos non se ofrecese un contraste das distintas versións nin se informase suficientemente sobre a actuación da Inspección de Traballo. Tamén denunciou a ausencia da posición da oposición no tratamento da información.
Longueira lembrou as críticas formuladas por Defende a Galega sobre a suposta manipulación política dos servizos informativos e utilizou este caso como exemplo. Segundo afirmou, existe unha diferenza no tratamento dos conflitos laborais dependendo de se afectan a unha empresa sen vinculación política ou á empresa da familia dun integrante do Goberno.
" Cando a televisión pública informa dun conflito laboral dunha empresa descoñecida está ben, pero se afecta á empresa da familia dun membro do goberno, a información desaparece, se minimiza ou queda relegada", afirmou a parlamentaria socialista.