O PSdeG denuncia que tres de cada catro parroquias prioritarias chegaron sen rozar ao verán

A deputada socialista Carmen Dacosta asegurou este martes no Parlamento de Galicia que o convenio impulsado pola Xunta para a limpeza das faixas de protección contra incendios está “en bragas”, unha expresión que atribuíu a alcaldes e alcaldesas afectados pola falta de execución dos traballos preventivos sobre o territorio.
Durante a defensa dunha moción sobre a eficacia do modelo galego de prevención e extinción de incendios forestais, Dacosta reclamou unha transformación do actual sistema para avanzar cara a un servizo público único, profesional, estable e permanente, adaptado aos chamados incendios de nova xeración.
A parlamentaria socialista advertiu de que os incendios forestais deixaron de ser unha emerxencia estacional para converterse nunha ameaza permanente que require actuacións durante todo o ano. Neste sentido, criticou a decisión da Xunta de recorrer novamente á contratación temporal de 42 brigadas de reforzo a través de SEAGA, cun dispositivo de arredor de 180 efectivos que traballará durante noventa días entre mediados de xullo e outubro.
Dacosta aclarou que as súas críticas non se dirixen ao persoal que integra estes equipos, cuxo labor cualificou de profesional e comprometido, senón á decisión política de responder con contratacións temporais a necesidades que, segundo afirmou, a propia Administración considera estruturais.
A deputada sostivo que os datos oficiais da Xunta evidencian as carencias do modelo actual. Segundo explicou, das 276 parroquias consideradas prioritarias para executar actuacións preventivas antes da época de alto risco, 206 seguían sen rozar cando esta comezou. “Tres de cada catro”, subliñou, unha cifra que, ao seu xuízo, desmonta o discurso optimista do Goberno galego.
Tamén destacou que 19 das 26 parroquias catalogadas como de Alta Actividade Incendiaria volveron rexistrar incendios ao longo de 2025, o que representa preto do 75 % do total. Para a socialista, estes datos amosan que non se está a actuar de forma efectiva nos territorios con maior risco.
No seu discurso, Dacosta fixo referencia ás críticas formuladas por distintos rexedores, incluídos algúns do Partido Popular, ao convenio subscrito pola Xunta para que SEAGA asuma a limpeza das faixas secundarias de protección nos concellos de menos de 10.000 habitantes. Segundo indicou, os alcaldes denuncian atrasos nos traballos, falta de persoal e dificultades para atopar empresas de desbroce dispoñibles.
A deputada citou incluso declaracións públicas do alcalde de Muíños, quen advertiu da falta de man de obra, tamén en SEAGA, e asegurou que outros responsables municipais chegaron a resumir a situación afirmando que “o convenio está en bragas”.
Dacosta sostivo ademais que a propia documentación da encomenda realizada a SEAGA recoñece a insuficiencia de recursos en determinados períodos e zonas e contempla a necesidade de ampliar o cadro de persoal se estas circunstancias se manteñen no tempo. Por este motivo, reclamou a creación de postos estruturais permanentes para atender as necesidades do dispositivo.
A parlamentaria lembrou tamén que sindicatos como UGT e Comisións Obreiras veñen denunciando que o recurso á contratación temporal supón unha precarización de funcións que consideran estruturais dentro do sistema de prevención e extinción de incendios.
Na súa intervención, Dacosta reprochou á Xunta non ter aplicado as recomendacións elaboradas tras os graves incendios de 2017. Recordou que daquela se constituíu unha comisión especial no Parlamento, se aprobou un ditame e se puxo en marcha un grupo de expertos para analizar o problema. “Había un diagnóstico e unha folla de ruta, pero non houbo vontade política para aplicala”, afirmou.
A moción presentada polo Grupo Socialista incluía seis propostas dirixidas a mellorar a planificación, o control e a transparencia das actuacións preventivas, así como a reorganizar os medios do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais e avanzar cara a un modelo público e permanente. A iniciativa foi finalmente rexeitada tras o voto en contra do Partido Popular.