O PSdeG esixe á Xunta unha reforma para blindar o dereito ao aborto

Pola contra, o conselleiro de Sanidade asegura que o 99 % dos abortos realizados no primeiro semestre de 2026 se practicaron na sanidade pública galega
cirurxia-medicos
4 Nov 2026

O dereito ao aborto centrou parte do debate no Pleno do Parlamento de Galicia, onde a portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Paloma Castro, reclamou á Xunta que apoie unha reforma constitucional para blindar a interrupción voluntaria do embarazo fronte ao que considera unha ameaza de retroceso por parte do PP e Vox. Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, defendeu o modelo asistencial galego e destacou que o 99 % dos abortos realizados durante o primeiro semestre de 2026 se practicaron na sanidade pública.

Castro alertou de que PP e Vox pretenden “retroceder, con sorte, 40 anos” nos dereitos das mulleres. A responsable socialista presentou unha interpelación no Parlamento tras as declaracións do candidato do PP á presidencia do Goberno, nas que pedía modificar a Lei do aborto en cuestións como a obxección de conciencia dos profesionais sanitarios e a autorización parental para as menores de 16 e 17 anos.

A deputada advertiu de que estas propostas poderían “devolvernos dunha plumada a unha Lei de supostos como a de 1985”. Neste sentido, defendeu que “non existe liberdade plena para as mulleres se non podemos decidir sobre os nosos propios corpos, sobre a nosa maternidade e sobre os nosos proxectos de vida”.

Castro insistiu en que a liberdade das mulleres para decidir sobre a súa maternidade non pode estar exposta a posibles retrocesos lexislativos e cualificou de “incrible” que “en pleno século XXI esteamos aínda intentando blindar os nosos dereitos como mulleres porque en canto te despistas se tambalean”.

A portavoz socialista considerou que a cuestión vai máis alá do cumprimento actual da normativa. “A cuestión non é se Galicia cumpre hoxe a Lei, a cuestión é que garantía teremos mañá de que ese dereito non sufra un retroceso”, sinalou. Fronte á “ofensiva reaccionaria”, defendeu o aborto como “unha tarefa inaprazable do presente para blindar o futuro”.

Educación sexual e atención sanitaria pública

A iniciativa socialista tamén puxo o foco na necesidade de acompañar a garantía do dereito ao aborto con políticas efectivas de educación sexual integral. Castro reclamou unha formación accesible, con información veraz, actualizada e baseada en evidencias científicas, que permita ás mulleres coñecer o seu corpo, as súas emocións e as súas relacións. Ademais, considerou esencial que esta educación sexa respectuosa coa diversidade de experiencias, orientacións e contextos sociais.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou que Galicia recoñece, respecta e protexe o dereito das mulleres a interromper voluntariamente o embarazo nos termos establecidos pola lexislación estatal vixente.

O responsable autonómico destacou que esta prestación se foi incorporando progresivamente á rede pública do Servizo Galego de Saúde e que todas as áreas sanitarias galegas dispoñen actualmente de circuítos específicos para atender as mulleres que solicitan esta intervención.

O acceso pode realizarse a través dos Centros de Orientación Familiar ou dos centros de saúde, desde onde se activa o correspondente circuíto asistencial. Este inclúe a valoración clínica, as probas necesarias no ámbito hospitalario, a realización da interrupción mediante a modalidade que corresponda e o seguimento posterior.

O 99 % dos abortos xa se realizan na sanidade pública

Gómez Caamaño subliñou que Galicia se sitúa entre as comunidades cun maior peso da sanidade pública nesta prestación. Segundo os datos achegados no Parlamento, en 2025 o 96 % das interrupcións voluntarias do embarazo realizáronse en centros públicos, unha porcentaxe que ascendeu ao 99 % no primeiro semestre de 2026.

O conselleiro explicou que as interrupcións de menos de 14 semanas se realizan habitualmente nos hospitais públicos de referencia. No caso das intervencións entre as 14 e as 22 semanas, aplícanse os requisitos clínicos establecidos pola normativa estatal, mentres que para os embarazos de máis de 22 semanas existe un procedemento específico que require a intervención dos comités clínicos correspondentes.

Segundo indicou, este sistema permite unha valoración multidisciplinar e homoxénea, de acordo coa Lei orgánica 2/2010, e garante a atención tanto nos procedementos máis habituais como nos de maior complexidade.

O titular de Sanidade tamén sinalou que, cando non é posible prestar a atención nun determinado centro público por razóns organizativas ou cando a propia muller solicita acudir a un centro concertado, o Servizo Galego de Saúde garante e financia igualmente a prestación.

Finalmente, Gómez Caamaño destacou que a organización das áreas sanitarias ten en conta a dispoñibilidade dos profesionais e o exercicio individual do dereito á obxección de conciencia. O conselleiro concluíu asegurando que a Xunta respecta e seguirá respectando os dereitos das mulleres e a lexislación vixente, garantindo a atención a todas as solicitantes dunha interrupción voluntaria do embarazo.

0.41472196578979