O PSdeG leva ao Parlamento o caso da adega da familia do conselleiro de Emprego, mentres a CIG pide a súa dimisión

O caso dos dous traballadores migrantes sen permiso detectados na vendima de 2025 en viñedos vinculados a Casal de Armán, a adega da familia do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, chega ao Parlamento de Galicia da man do PSdeG, mentres a CIG reclama a dimisión ou o cesamento do conselleiro tras a sanción da Inspección de Traballo.
O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia rexistrou doce preguntas e unha proposición non de lei para reclamar a comparecencia de José González na Cámara e pedir explicacións sobre a presenza das dúas persoas migrantes en situación irregular traballando durante a vendima. Ademais, solicitou á Xunta a relación de todas as axudas e subvencións públicas recibidas pola adega desde 2009, cos seus importes e organismos concedentes.
A Inspección de Traballo detectou os dous traballadores sen autorización para traballar nunha actuación de oficio durante a vendima do pasado ano. O expediente sancionador dirixiuse contra Viña Campiñas, S.L., sociedade do grupo familiar que xestiona os viñedos dos que procede a uva de Casal de Armán.
O conselleiro defendeu a “honorabilidade” da empresa e da súa familia e cualificou o sucedido de “desgraciado incidente”, atribuíndoo a un erro da adega ao confiar na empresa de traballo temporal coa que traballa habitualmente. José González tamén lembrou que deixou de ser socio da empresa en 2018.
O PSdeG considera insuficientes estas explicacións e reclama coñecer se os dous traballadores estaban dados de alta na Seguridade Social, se contaban con cobertura en caso de accidente e quen respondería por eles ante un posible percance laboral. “No Parlamento non se lle pregunta como irmán, senón como conselleiro de Emprego”, sinalou a deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta.
Os socialistas tamén cuestionan que, mentres o conselleiro defende unha “inmigración ordenada” e reclama ao Goberno central competencias sobre as autorizacións de traballo de temporada, se producise esta situación en viñedos vinculados á súa familia. “Pide poder autorizar traballos de temporada mentres na vendima das viñas da súa familia había dúas persoas sen permiso. Iso tamén ten que explicalo”, afirmou Dacosta.
En relación coas axudas públicas, o PSdeG lembra tamén unha sentenza do TSXG publicada por Praza.gal segundo a cal Bodegas Casal de Armán incumpriu unha subvención de Medio Rural de 47.000 euros cando o actual conselleiro aínda era socio da empresa. “Cando unha empresa recibe diñeiro público, a cidadanía ten dereito a saber canto e para que”, apuntou a deputada.
Pola súa banda, a CIG considera “intolerable” que José González continúe como máxima autoridade laboral de Galicia despois da actuación da Inspección de Traballo. O secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, reclama que o conselleiro dimita ou sexa cesado e cuestiona que poida seguir exercendo a responsabilidade de velar polo cumprimento dos dereitos das persoas traballadoras.
Carril sinala que a situación resulta especialmente grave ao producirse nunha empresa vinculada ao ámbito familiar do responsable das políticas de emprego e emigración da Xunta. Ao seu xuízo, o conselleiro “non está lexitimado para seguir exercendo esa responsabilidade” e considera que manterse no cargo suporía dar “normalidade” aos feitos.
A CIG relaciona ademais o caso coas reivindicacións de José González para que Galicia asuma competencias en materia de permisos de estranxeiría. Carril defende que a transferencia de competencias debe servir para “gañar dereitos, non para disfrazar a explotación” e cuestiona que poida empregarse para non actuar ante situacións como a detectada na vendima.
O PSdeG, pola súa parte, pide que, unha vez esclarecidos os feitos, se depuren as responsabilidades políticas que correspondan. Entre as súas preguntas figura tamén a relativa á data na que o conselleiro tivo coñecemento da actuación da Inspección de Traballo e se informou dela ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda.