O PSdeG pregunta a Rueda como sabe que o TSXG desbloquerá os parques eólicos suspendidos

Patricia Iglesias advertiu que as declaracións do presidente da Xunta “preocupan moito'” e cuestionou se “converteuse en maxistrado ou presume de coñecer decisións xudiciais antes de que se produzan”
Eolicos
1 Jun 2026

O Grupo Parlamentario Socialista esixiu este luns ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que explique que ”truqui” utiliza para afirmar con rotundidade que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vai desbloquear os case noventa parques eólicos suspendidos cautelarmente. A portavoz socialista de Economía e Industria, Patricia Iglesias, foi directa ao tema na rolda de prensa que ofreceu esta mañá no Parlamento: “Nun Estado de Dereito, os presidentes autonómicos non están para actuar como adiviños xudiciais, e moito menos cando falamos do máximo órgano xurisdicionais de Galicia”.

O PSdeG considera que a sentenza do Tribunal Supremo sobre o parque eólico de Bustelo, invocada por Rueda como argumento para o seu anuncio, non resolve os procedementos en suspenso. “Non o resolve, e os seus asesores xurídicos deberían telo advertido”, subliñou Iglesias. A portavoz socialista explicou que o fallo do Supremo refire unha cuestión moi concreta, relacionada coa fragmentación de proxectos eólicos con infraestruturas de evacuación compartidas, nunha liña similar á doutrina do propio Tribunal do ano 2025. Os casos suspendidos no TSXG, en cambio, “teñen un forte compoñente ambiental sobre o que non existe aínda nin unha soa sentenza do Tribunal Supremo”.

Iglesias relacionou estas declaracións de Rueda cunha circunstancia que cualificou de “especialmente preocupante”: o traslado forzoso de dous maxistrados da Sección Terceira da Sala do Contencioso á Sección Segunda. Eses maxistrados eran precisamente os que estaban levando os principais asuntos eólicos no país. “Respectamos escrupulosamente a independencia xudicial, e pedímoslle ao presidente Rueda que faga o mesmo”, afirmou.

Con todo, a portavoz socialista foi máis alá da polémica xudicial. Para Iglesias, o verdadeiro problema eólico en Galicia non son os tribunais: “O verdadeiro problema son os 17 anos de gobernos do PP sen planificación enerxética”.

Galicia segue a rexerse polo Plan Sectorial Eólico de 1997. Case trinta anos despois. Sen unha planificación adaptada á realidade ambiental, social e económica actual, “o que deriva diso son as suspensións xudiciais e a inseguridade xurídica. Non é culpa do TSXG. É a consecuencia directa da incompetencia do goberno galego para ordenar o desenvolvemento eólico durante máis dunha década e media”.

Como mostra do desorde lexislativo, a portavoz lembrou que a lei do sector eólico acumula xa catorce modificacións, todas elas introducidas pola porta de atrás, a través de leis de medidas. “Que operador xurídico sabe que lei se lle aplica? Isto é traballar a casa polo tellado en vez de polos cimentos, e crea un caldo de cultivo de inseguridades xurídicas sen precedentes”, advertiu.

Un pacto de país para a transición enerxética

O PSdeG defendeu a súa posición: “Somos os do si. Os de progreso, os de avance. Queremos máis enerxía eólica, terrestre e mariña, e queremos acelerar a transición enerxética”. Pero cunhas condicións que o goberno galego, segundo Iglesias, non está a garantir: planificación real, seguridade xurídica, participación dos territorios antes de que os proxectos se tramiten, e que a riqueza xerada polos recursos naturais quede en Galicia.

A portavoz apostou por un pacto de país en transición enerxética e criticou o modelo de Recursos de Galicia, unha sociedade “opaca” impulsada polo goberno do PP para xestionar os recursos naturais galegos. Reclamou tamén avanzar na repotenciación dos parques máis antigos, pero “con diálogo cos territorios, non con imposición, porque os que pagan sempre son os mesmos: os concellos rurais, que ademais van ver reducida a súa recadación do canon eólico nun 60%”.

En relación coa AP-9, Iglesias respondeu ás declaracións da conselleira de Infraestruturas, quen cualificou de “trampa” o texto acordado no Congreso advertindo de que a Xunta rexeitaría o traspaso en tales condicións. Para a portavoz socialista, esa postura é “un superclásico do PP de Galicia: 'Moita queixa, cero responsabilidade e cero vergoña”.
Iglesias lembrou que “foi o goberno de Aznar o que abriu esa concesión ata 2048, regalando décadas de peaxes a un concesionario privado. Se non fora por Aznar, a AP-9 hoxe estaría liberalizada e sería de balde”, subliñou. Un punto de partida que, a xuízo da portavoz, condiciona toda a discusión posterior.

Dende esa base, o PP ten agora que explicar dúas cousas: por que votou en contra da transferencia da AP-9, e por que o fixo xunto a VOX. “Eso é o que debe explicar o PP”, insistiu. Iglesias recordou neste senso que foi o PSOE quen impulsou tanto as bonificacións do 75% para os usuarios habituais como a ponencia no Congreso. O obxectivo, dixo, segue a ser a gratuidade.

Sobre a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico para a que podería ser a primeira fábrica de SAIC en Europa, ubicada no Porto Exterior de Ferrol, Iglesias dixo aplaudila, pero puxo o foco en algo que, ao seu xuízo, non se pode pasar por alto: “Esa alianza estratéxica comercial pilotouna o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, con esa labor de diplomacia e relacións institucionais con China”. Rueda, lembrou, chegou despois, nunha viaxe que el mesmo dixo que non era político. A portavoz socialista defendeu que o resultado é froito da colaboración entre as dúas administracións, e reclamou que o proceso, tal e como pediu Gómez Besteiro, culmine cunha mesa de traballo, pilotada polo Ministerio de Industria coa Xunta e a empresa, para garantir que a instalación xere emprego, industria auxiliar e tecido produtivo real no territorio.

Por último, preguntada sobre se considera boa idea que Sánchez continúe na Moncloa, Iglesias non dubidou: en Galicia hai cousas demasiado importantes enriba da mesa como para xogar con iso. O PERTE da automoción, os fondos europeos, a construción de vivenda pública con seis de cada dez euros procedentes do Goberno central, a revalorización das pensións, a suba do salario mínimo, “todo iso veu da man do Goberno de Pedro Sánchez”. Antecipar eleccións, dixo, “só serviría de argumento para frear todos estes impulsos e xerar incerteza nun contexto internacional moi complexo”.

E ao PP deixoulle unha mensaxe clara: se queren cambiar o Goberno, o mecanismo está na Constitución. “A moción de censura está prevista, pero ten que haber un programa, unha proposta de país, e iso non o ten o PP de Núñez Feijóo”.

0.33964490890503