O PSdeG reclama á Xunta máis investimento e un plan de mellora dos centros educativos

O deputado do PSdeG Aitor Bouza esixiulle á Xunta un plan de rehabilitación, mellora e ampliación dos centros educativos de Galicia, denunciando o estado de deterioro de moitas infraestruturas.
Durante a súa intervención no Parlamento galego, Bouza criticou que existen centros con décadas de antigüidade, algúns dos anos 70 e 80, que presentan deficiencias debido á falta de investimentos continuados. “Iso explica que os colexios estean como están”, afirmou.
O parlamentario socialista sinalou ademais un descenso nos orzamentos destinados á educación. Segundo indicou, as partidas para infantil, primaria e ESO pasaron de 29 millóns de euros en 2025 a 28 millóns en 2026, mentres que en secundaria e formación profesional se reduciu de 34 a 24 millóns.
Neste contexto, Bouza criticou a situación de numerosos centros e reprochou ao Grupo Popular que non acepte para o alumnado condicións que non asumiría para si mesmo. “Se non queren que entre o vento polas fiestras aquí, tampouco o queremos para os alumnos e alumnas”, afirmou.
O deputado tamén cuestionou a xestión das competencias por parte da Xunta, acusándoa de trasladar responsabilidades aos concellos de maneira desigual segundo a cor política. “Non é unha cuestión de competencias, é cuestión da súa incompetencia”, subliñou.
A iniciativa presentada polo PSdeG reclama unha avaliación integral e actualizada do estado das infraestruturas educativas, incluíndo unha diagnose detallada das necesidades e das actuacións prioritarias.
Ademais, demanda un incremento progresivo do orzamento destinado á mellora dos centros e unha planificación plurianual que permita resolver os déficits estruturais e evitar a degradación das condicións materiais.
Por último, Bouza pediu a revisión do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de 2021, solicitando máis transparencia sobre as actuacións realizadas e a súa adaptación a criterios de accesibilidade, eficiencia enerxética e necesidades educativas actuais.