O PSdeG reclama que os albergues do Camiño ofrezan menú do peregrino con produtos de proximidade

Lara Méndez defende na comisión de Turismo que a gastronomía é parte esencial desta experiencia e que a comida non pode ser de baixa calidade
horta-campo-verduras-horto
26 Jun 2026

O Grupo Parlamentario Socialista de Galicia, a través da deputada Lara Méndez, presentou na Comisión 6.ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento galego unha proposición non de lei para que a Xunta de Galicia implemente con garantías o menú do peregrino con produtos de proximidade nos albergues públicos do Camiño de Santiago.

Na súa intervención, Méndez subliñou que a gastronomia é un dos sinais de identidade de Galicia e que o Camiño de Santiago é tamén un escaparate cara ao exterior que hoxe, en moitos casos, ofrece unha imaxe que non corresponde coa calidade do noso sector agroalimentario. “O menú do peregrino nace coa vocación de ser unha comida económica e enerxética, pero en moitos casos converteuse en pizza, hamburguesas ou comida rápida de escasa calidade. Esa tamén é unha imaxe de Galicia”, destacou a deputada.

A iniciativa socialista enmarcouse dentro da estratexia de contratación pública estratéxica que o PSdeG ven defendendo no Parlamento, e que conecta coa proposición aprobada por unanimidade o pasado 20 de febreiro, pola que o Goberno galego se comprometeu a fomentar produtos de tempada e de quilómetro cero nos contratos de servizos de comedores do sector público autonómico. Para a deputada, ese compromiso non pode quedar nunha mera declaración de intencións.

Méndez puxo en valor o potencial que ten o Camiño de Santiago para xerar riqueza no territorio a través do produto local e da economía circular, nun momento en que a Xunta de Galicia destina millóns de euros a estratéxias de promoción dos produtos galegos a nivel nacional e internacional. “Os propios peregrinos son a mellor canle de promoción. O que comemos é o que levamos na memoria cando volvemos á casa”, sinalou.

A deputada socialista fixo tamén referencia ao informe do Consello de Contas que cuestiona a planificación dos albergues públicos e o seu equilibrio económico, e ao descenso de máis de tres millóns de euros nas partidas destinadas á mellora de albergues e seguridade. Todo isto, sinala o PSdeG, nun contexto de crecemento continuo do número de peregrinos.

A proposición non de lei insta a Xunta a implementar nos albergues públicos o menú do peregrino con produtos de proximidade, xerando riqueza no territorio e fomentando a economía circular, sen que supoa un esforzo económico adicional para a persoa consumidora. Ademais, pide que se conciencien os albergues privados sobre a cultura da alimentación saudábel polo seu impacto económico, social e ambiental.

O PSdeG lembrou que as partidas de turismo da Xunta baixaron máis de 20 millóns de euros, o que contrasta coa aposta declarada polo Camiño de Santiago como produto turístico estrela de Galicia. Para o grupo socialista, impulsar a alimentación de proximidade nos albergues públicos non é só unha cuestión de calidade: é tamén política de territorio, de asento de poboación e de distribución equitativa dos beneficios económicos que xera o turismo xacobeo.

0.32018995285034