O PSOE acusa á Xunta de favorecer a empresas que teñen vínculos familiares co PP

A portavoz de Transparencia do Grupo Socialista, Patricia Iglesias, acusou hoxe no Parlamento ao PP de empregar o goberno da Xunta para construír un “espazo de privilexios para empresas con vínculos familiares con altos cargos” do partido a través do abuso dos contratos “a dedo”. Así o dixo no debate dunha pregunta en Comisión na que lle esixiu á Xunta que aplique garantías para prever estas prácticas irregulares que supoñen miles de millóns de euros.
Iglesias alertou de “indicios de fraude ou de corrupción” no abuso de adxudicacións ás mesmas empresas relacionadas con altos cargos do PP galego a rtavés de conrtatos “a dedo”, sen concorrencia competitiva. Segundo o último informe de fiscalización do Consello de Contas, os contratos menores representan unha parte moi importante dos contratos da Xunta, que suman 877 millóns de euros, preto de 3.000 millóns incluíndo á administración paralela.
A responsable socialista presentou esta pregunta logo de que o xulgado citara como investigado ao director de Quirón Prevención na causa que analiza un presunto reparto de comisións relacionadas coa parella de Isabel Díaz Ayuso pola compra de material sanitario. Esta investigación volve poñer no foco a conexión galega con Mape Asesores, da que o responsable de Quirón era conselleiro da empresa de Pontevedra.
Segundo o Consello de Contas, aquela empresa recibiu 4,7 millóns de euros pola compra de batas desmontables durante a pandemia cun sobrecuste dun 37 por cento, ademais de que os contratos de emerxencia do Sergas con esta empresa sumaron 9,7 millóns de euros durante a pandemia. Sinalou que “as coincidencias non son casualidades”, como o feito de que a principal beneficiaria de contratos do Sergas na pandemia fora Universal Support, onde traballa o cuñado de Feijóo.
Patricia Iglesias puxo en cuestión a práctica habitual do goberno de acumular contratos menores con empresas sinaladas, que lle supuxeron por exemplo máis de 1.300 facturas entre os anos 2018 e 2025 por 5 millóns de euros co Grupo Eulen, na que precisamente a irmá de Feijóo dirixe a zona norte.
Criticou que os plans de prevención da corrupción aprobados polo goberno galego “quedan no papel” cando “na práctica non hai detección de conflito de intereses” nin medidas correctoras e continúan permitindo que unha parte da contratación pública se asine “a dedo, sen concorrencia nin publicidade”. Esixiu “medidas para evitar esas coincidencias e favorecer a transparencia, limitar os contratos menores e previr conflitos de intereses”.
Iglesias presentou unha pregunta pola falla dun rexistro de grupos de interese -lobbies- en Galicia, cando outras comunidades autónomas como Baleares, Cataluña ou Andalucía si que o teñen posto en marcha. Acusou ao PP de ter impedido este control ao votar no Congreso da man de Vox e Junts en contra do Real Decreto Lei que os regulaba.