O PSOE asegura que la lei contra a violencia dixital "queda curta" para protexer a mulleres e nenas

A deputada socialista Paloma Castro defendeu este martes no Pleno do Parlamento a emenda á totalidade do PSdeG ao proxecto de Lei galega de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital. Castro coincidiu en que Galicia necesita unha norma específica contra esta violencia, pero cre que a do Goberno galego, que Alfonso Rueda anunciou en novembro de 2024 e prometeu para 2025, queda curta: "Para levar tantos anos a cocer, quedou moi pouco feita", lamentou.
Un dos principais motivos da emenda do Grupo Parlamentario Socialista é que o texto da Xunta, polo seu carácter xeral, dilúe unha dimensión esencial do fenómeno: boa parte da violencia dixital contra mulleres e nenas nace da desigualdade de xénero e reproduce na rede os mesmos mecanismos de dominación que existen fóra dela. "O machismo non desaparece detrás dunha pantalla, o machismo adáptase, modernízase. Utiliza novas ferramentas para exercer o mesmo control de sempre", afirmou Castro, que citou o control pola xeolocalización, a difusión de fotografías íntimas sen consentimento, as campañas de odio ou as imaxes sexualizadas creadas con intelixencia artificial.
Nesta liña, a proposición de lei que o Grupo Socialista xa rexistrou na Cámara, con 40 artigos fronte aos 26 do proxecto da Xunta, mantén a protección xeral para calquera vítima e engade unha resposta propia para a violencia que sofren as mulleres polo feito de selo.
Castro tamén considera insuficiente a prevención nas aulas. O proxecto prevé protocolos nos centros educativos, pero sen concretar abondo que deben conter. Os socialistas queren que o alumnado aprenda a recoñecer o acoso sexual en liña, a presión para conseguir imaxes íntimas, a captación sexual de menores ou a chantaxe coa difusión de contidos, e que se traballe o consentimento e a análise crítica da pornografía. Sen ese mínimo, avisou, "as respostas dependerán dos recursos e da iniciativa de cada centro”.
A deputada botou en falta respostas para quen ten máis dificultades para defenderse, como as mulleres maiores ou con discapacidade, as que viven no medio rural ou as familias con poucos recursos. "Non podemos permitir que quen teña máis cartos poida pagar protección, asesoramento xurídico ou seguridade dixital mentres quen menos ten queda desamparada", sinalou. A proposta socialista regula ademais a situación das vítimas de trata ou explotación sexual, porque as canles dixitais "facilitaron enormemente o traballo ás mafias da prostitución”.
Castro pediu tamén unha resposta específica para as mulleres con presenza pública, que poden sufrir campañas masivas para expulsalas do debate político, xornalístico, sindical, cultural ou académico. E puxo un exemplo propio. A semana pasada publicou nas súas redes un vídeo co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e outros compañeiros na Festa do Marisco do Grove. O primeiro comentario foi unha pregunta: "¿Cómo tienes las rodillas?". "Isto é o pan de cada día para as mulleres que nos dedicamos á política, e non podemos toleralo. É machismo", denunciou.
Na atención ás vítimas, o PSdeG quere evitar que unha muller teña que "peregrinar de servizo en servizo" e contar unha e outra vez o que lle pasou. "O sistema público debe organizarse arredor da vítima, e non obrigar a vítima a organizarse arredor do sistema", resumiu Castro. Por iso a proposta socialista incorpora os Centros de Información á Muller, con formación específica para o seu persoal e máis recursos, e os centros de crise 24 horas cando a violencia dixital sexa tamén violencia sexual, todos coordinados co resto de servizos públicos. Os socialistas reclaman ademais un Plan Galego contra a Violencia Dixital contra as Mulleres, con obxectivos, recursos, indicadores e avaliación, e datos específicos sobre este fenómeno no Observatorio Galego da Violencia de Xénero.
Por último, Castro defendeu os concellos, que son "moitas veces, a primeira porta á que chama unha persoa cando necesita axuda", e esixiu que cada nova responsabilidade que a lei lles atribúa veña acompañada do financiamento suficiente por parte da Xunta, sobre todo nos municipios con menos poboación e máis dispersión. "Non pode funcionar así: a Xunta lexisla e os concellos pagan”.
Na réplica, a deputada tendeu a man ao PP. "Nós non queremos que esta lei fracase. Todo o contrario", asegurou, e anunciou emendas parciais para mellorar o texto.
Os populares presumen de que Galicia será a primeira comunidade de España cunha lei específica contra a violencia dixital, unha marca que Rueda prometera para 2025 e que segue pendente, porque o texto aínda está en tramitación. Castro respondeu que ser os primeiros non abonda: "Se queremos unha lei pioneira, ten que selo tamén nos compromisos, nos recursos e nas garantías". E lanzou unha pregunta á bancada popular: "Esta lei garante que, cando unha muller, unha nena ou calquera vítima a necesite, a lei estea realmente aí para protexela?”.
E pechou cun aviso: "Unha lei que promete moito pero compromete pouco corre o risco de quedar exactamente niso: nunha declaración de intencións. E, por desgraza, niso vostedes son expertos”.