O PSOE esixe á Xunta que negocie unha xustiza gratuíta con investimento para a quenda de oficio

A deputada Paloma Castro advertiu de que "non estamos ante un conflito puramente económico entre a Administración e uns colectivos profesionais"
xuiz-xulgado-xustiza
9 Sep 2026

A portavoz de Xustiza do Grupo Parlamentario Socialista, Paloma Castro, reclamoulle hoxe ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, que a Xunta se sente a negociar "de verdade" un novo acordo co Consello da Avogacía Galega e co Consello Galego de Procuradores en materia de compensación económica pola asistencia xurídica gratuíta.

O acordo leva caducado dende 2025 e o goberno galego saíu do paso cunha prórroga aprobada de forma unilateral, limitada a unha actualización do IPC. "Unha decisión adoptada sen que houbera un acordo real cos profesionais. Substituíndo a negociación por unha prórroga", criticou a deputada socialista, que considera que agora, cos trámites orzamentarios xa iniciados, "é o momento" de sentarse a falar.

Castro advertiu de que non estamos ante un conflito puramente económico entre a Administración e uns colectivos profesionais. "Estamos falando do dereito das persoas que non teñen recursos económicos a acceder á Xustiza en condicións de igualdade, e do dereito duns profesionais que realizan un servizo público a ser dignamente retribuídos", afirmou.

Por iso reclamou, cando menos, tres millóns de euros adicionais destinados realmente a actualizar os importes e a pagar actuacións que hoxe non se retribúen: a dispoñibilidade nas gardas, cunha proposta de 100 euros en día laborable e 200 en día festivo; os medios adecuados de solución de controversias (MASC); e os gastos de infraestrutura que soportan os colexios, dende o persoal ata os equipos informáticos.

A portavoz socialista lembrou que a proposta formal do Consello da Avogacía Galega vai aínda máis alá e sitúa a necesidade nun incremento mínimo do 50% sobre a partida actual, ademais de pedir unha actualización automática conforme ao IPC, que a sinatura do baremo se produza antes do 1 de xaneiro e que os acordos non superen os dous anos de vixencia.

E puxo en dúbida que abonde con subir o orzamento global, porque boa parte dese aumento vai destinado a cubrir un maior número de servizos: "Se o incremento orzamentario se limita a cubrir ese maior número de actuacións, os profesionais seguirán cobrando practicamente o mesmo por cada servizo prestado". Os últimos datos do Observatorio sitúan a Galicia en 5,59 euros de investimento por habitante, na 12ª posición entre as comunidades autónomas, lonxe dos 8,92 euros de Asturias e por baixo dos 7,25 euros de media estatal.

Castro reprochoulle ao conselleiro que a precariedade das retribucións da quenda de oficio "segue a ser a gran materia pendente" da súa consellería, "xa o era cando Rueda estaba ao fronte e vostede non lle está a poñer remedio". E pechou a súa intervención cunha advertencia: "A Xunta non pode cumprir coa obriga constitucional de prestar este servizo público a costa da precariedade das avogadas e dos avogados. Ten a obriga de recoñecer e dignificar o labor de centos de profesionais que levan décadas sostendo co seu traballo diario un dos servizos públicos máis valiosos do noso sistema constitucional. Defender a quen defende os nosos dereitos".

0.33697390556335