O PSOE exise á Xunta unha data de pago para as familias do marisqueo da ría de Arousa

A deputada do PSdeG no Parlamento de Galicia, Paloma Castro, esixiu hoxe á directora xeral de Pesca que fixe unha data concreta para pagar as axudas pendentes ás persoas mariscadoras de a flote da ría de Arousa. Levan nove meses sen poder traballar e, segundo denunciou, a Xunta aínda non lles pagou nin un euro.
Castro lembrou que o pasado 26 de setembro a Consellería confirmou o peche durante seis meses dos bancos de libre marisqueo de Cabío, Bohído e Lombos do Ulla, os máis importantes da ría. A xustificación foi o sobreesforzo extractivo e a perda de biomasa. O sector aceptou a medida. Pero puxo unha condición clara: sen garantías sociais, o peche é directamente unha condena para as familias que viven diso.
Na ría de Arousa hai entre 1.000 e 1.200 familias que dependen do marisqueo a pé. E entre 150 e 300 máis que viven do marisqueo a flote. A iso hai que sumar quen traballa arredor da actividade: transporte, xeo, venda, subministracións: “Case dez meses despois, nin plan de axudas, nin calendario de pagamentos, nin compromiso firme cos profesionais afectados”, denunciou a deputada socialista.
O Diario Oficial de Galicia publicou o 6 de abril a orde que regula estas axudas, dotada con dous millóns de euros e cofinanciada nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). O diñeiro debía compensar o cesamento da actividade nestes bancos infralitorais, decretado en setembro. Catro meses despois da publicación da orde, o diñeiro segue sen chegar ás persoas afectadas.
Castro puxo cifras enriba da mesa: a Zona III, que inclúe Arousa, suma 1.439 permisos de marisqueo, o 43,51% do total galego. “E vostedes non o ven como unha prioridade, á vista está”, afirmou.
A deputada tamén criticou que a Xunta derive as axudas a mecanismos estatais, como o Goberno central ou o Instituto Social da Mariña, en lugar de asumir competencias e medidas sociais propias. Pediu tamén que se activen as hatchery públicas da Illa e de Camariñas para producir semente, en vez de seguir mercándoa a empresas privadas.
“O sector non pode vivir permanentemente de anuncios, de titulares e de promesas. As familias non pagan a hipoteca nin a luz con roldas de prensa”, sinalou Castro, que pechou a súa intervención cunha esixencia concreta: “Pedímoslle un compromiso claro: dígalle ao sector cando van cobrar. Poña unha data xa.”