O PSOE insta a Rueda a aceptar a transferencia da AP-9 "e deixar de poñer trabas"

O líder socialista salientou que desde que goberna Pedro Sánchez os usuarios e usuarias aforraron 420 millóns de euros
besteiro-pontecesures-ap-9
9 Nov 2026

José Ramón Gómez Besteiro criticou hoxe desde Pontecesures a dobre moral do PP no que se refire á autoestrada do Atlántico. Fronte ás bonificacións que durante os gobernos de Pedro Sánchez aforraron 420 millóns aos usuarios e usuarias, “o que fixo o Partido Popular é negocio para os seus amigos e peaxes para o resto de galegos e galegas”.

Nun acto á beira da AP-9 con candidatos e candidatas ao Congreso e ao Senado pola Coruña e Pontevedra, o secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego defendeu que foron os socialistas quen abriron “o camiño para que a AP-9 sexa gratuíta, e Rueda debe aceptar a transferencia e deixar de poñer trabas”.

Fronte ás políticas do PSOE para paliar a hipoteca que deixaron os populares, que leva “a sinatura de Aznar”, o PP “negouse primeiro a iniciar ese camiño cara á gratuidade, e agora oponse á transferencia”, insistiu. “O día 29 tamén se vai decidir sobre iso”, asegurou.

“Somos os únicos que podemos garantir esa gratuidade total da AP-9”, afirmou Besteiro, que lle reiterou ao PP que deixe de poñer problemas, “como os que alega para non aceptar un traspaso que xa está aprobado por lei”. Ademais, trátase dunha medida que o Partido Popular votou a favor en Galicia e en contra en Madrid.

Censurou, por outra banda, que mentres os populares reclaman a eliminación das peaxes e poñen paus nas rodas, teñen sen resolver o problema das autoestradas que son competencia da Xunta. “O PP condenounos a todos e todas a unhas peaxes altísimas na AG-55 e na AG-57, nas que as concesionarias son as mesmas que na AP-9 e na AP-53”.

José Ramón Gómez Besteiro compareceu na compaña, entre outros, do número 1 ao Congreso por Pontevedra, Abel Losada, e o número 1 ao Senado pola Coruña, Sindo Guinarte.

Losada lembrou que hoxe “seguimos pagando unha peaxe tres anos despois de que rematara a concesión, que era ata o 2023, e teremos que seguir pagando ata 2048” porque Aznar a estendeu durante 25 anos máis, pero agora a UE está investigando a legalidade daquela decisión.

Guinarte detallou que os actuais descontos cubren as viaxes de volta na mesma xornada e se incrementan nun 50 % adicional para os usuarios recorrentes, o que eleva as bonificacións ata un 75 % do prezo total. “Uns facilitamos que a cidadanía gaste menos por utilizar a AP-9, e outros, que pague do seu peto o uso das autoestradas autonómicas”, remarcou.

0.38102388381958