O PSOE reclama á Xunta un impulso ás comunidades enerxéticas en vez de anunciar axudas

A portavoz de industria esixiu incentivos á participación da cidadanía, a creación dunha plataforma que ofreza información e unha liña de subvencións para contratación de asistencias técnicas
lampada-luz-iluminacion
25 Jun 2026

A portavoz socialista de industria no Parlamento galego, Patricia Iglesias, reclamoulle hoxe á Xunta que impulse as comunidades enerxéticas pola súa importancia respecto da transición verde e os beneficios para o territorio. “Exportamos electricidade, pero seguimos tendo familias que non poden pagar a factura da luz, empresas afogadas polos custos enerxéticos e concellos sen apoio para desenvolver proxectos de autoconsumo compartido”, lamentou.

A deputada do PSdeG confrontou en comisión parlamentaria dous modelos de política enerxética: “O do PP, de grandes anuncios e escasos beneficios para a cidadanía”, e o do PSdeG, “que a enerxía producida en Galicia reverta nas familias, nos autónomos, nas pemes, nos barrios e nos concellos”.

Iglesias defendeu que este tipo de comunidades fomentan un reparto xusto dos beneficios da transición enerxética e son, á vez, “un xeito de fixar poboación e de loitar contra a pobreza enerxética.

Por iso censurou que o Goberno de Rueda veña de anunciar novas axudas sen que se publicasen aínda, xa a piques de rematar xuño, no Diario Oficial de Galicia. “Hai fotografías do director xeral e hai propaganda, pero non hai bases nin convocatorias”, criticou.

Afeoulle tamén á Xunta que o orzamento previsto para esas subvencións contemple “un importe inferior ao do 2025”, con só 300.000 euros para as comunidades de toda Galicia. “Estamos en xuño. O ano pasado saíron en marzo, e houbo dúas ampliacións porque existe demanda”, recordou. Pero agora, “mentres hai unha alta demanda, hai menos recursos”.

Así, Patricia Iglesias criticou que as axudas se presentaron “tarde, mal, arrastrando os pés e non chegan a nada”.

A deputada socialista censurou especialmente que, segundo os datos que facilita a propia Xunta, o programa orzamentario dedicado a eficiencia enerxética e fomento das enerxías renovables “só executou un 1,3 % dos seus créditos durante o primeiro trimestre do ano”. “Isto é o que cre a Xunta na eficiencia enerxética en o consumo compartido, unha vergoña”, dixo.

Fronte a este estado das cousas, instou ao Goberno galego “a liderar, apoiar aos concellos, simplificar trámites e crear unha estratexia galega para as comunidades enerxéticas” e a abandonar a idea de que a política enerxética “se fai de arriba abaixo”.

“A transición enerxética debe ser xusta e a veciñanza ten dereito a participar nela, para que a factura da luz sexa máis barata”, salientou para reivindicar un sistema “renovable, descentralizado, democrático e resiliente”.

A iniciativa que defendeu Patricia Iglesias inclúe, por iso, tres demandas: incentivos á participación da cidadanía nas comunidades enerxéticas locais, co fin de aproveitar as vantaxes do autoconsumo compartido; a creación dunha plataforma pública que informe dos datos máis relevantes de todas as comunidades e visibilice tanto a súa natureza coma o seu impacto positivo; e que se dote de recursos a constitución desas comunidades enerxéticas a través dunha liña de axudas para a contratación de asistencias técnicas.

0.32307910919189