O Rabazal convértese no epicentro das letras coa quinta edición da Feira da Cultura EnCaMiño en Miño

Máis de cen creadores participarán do 16 ao 19 de xullo nun completo programa con faladoiros, espectáculos infantís e un gran mercado de libros
IV FEIRA DA CULTURA ENCAMIÑO 2
Imaxe da edición anterior
1 Jul 2026

A vila de Miño prepárase para volver converterse na capital cultural e literaria das Mariñas durante catro xornadas. A Pista Municipal do Rabazal e o Centro Social A Rúa acollerán do 16 ao 19 de xullo a quinta edición da Feira da Cultura EnCaMiño, unha cita xa consolidada no calendario estival galego que reunirá a máis dun cento de creadores e creadoras.

O evento contará cunha ampla programación pensada para todos os públicos, con faladoiros literarios, obradoiros, roteiros pola natureza, espectáculos infantís, proxeccións de curtametraxes, micro aberto de poesía, sinaturas de exemplares e un mercado cultural con presenza de editoriais, librarías e ilustradores.

Un dos grandes atractivos será o Mercado Cultural, onde o público poderá mercar exemplares e participar nas sesións de sinaturas con máis de medio cento de autores e autoras. A proposta tamén reforzará a conexión entre literatura e territorio con roteiros literarios e poéticos por espazos naturais do municipio.

A feira chega ademais nun momento de crecemento tras o éxito da pasada edición, na que superou as 3.000 persoas participantes e os 3.000 exemplares vendidos, triplicando a asistencia rexistrada en 2024. Estes datos consolidan EnCaMiño como unha das citas culturais de referencia na comarca.

A entrada será libre e gratuíta. O horario será de 17.00 a 21.00 horas o xoves e o venres, e de 11.00 a 15.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas o sábado e o domingo. As inscricións para obradoiros e roteiros poden realizarse a través do correo minocultural@gmail.com.

PROGRAMACIÓN

0.31529808044434