O Sarria Blues no Camiño anuncia aos primeiros artistas e grupos de música da súa V edición

O festival incorpora ao bluesman ceutí residente en Brooklyn e á banda galega Andhrea and the Black Cats, que repetirá presenza tras actuar na primeira edición nun formato itinerante
Actuación-Sarria-Blues-no-Camiño-na-Feculera
30 Jun 2026

A V edición do Sarria Blues no Camiño, que se celebrará en Sarria Blues no Camiño entre o 6 e o 9 de agosto, xa ten confirmados os seus primeiros artistas, segundo avanzaron os organizadores. Entre eles atópase o bluesman Félix Slim, músico de orixe ceutí residente en Brooklyn, onde forma parte activa da escena do blues, roots e americana desde 2016, con actuacións habituais en cidades de referencia como Memphis, Clarksdale e Nova Orleans.

A súa técnica coa guitarra slide e o fingerpicking, xunto cun estilo vocal propio, constrúen un son vintage ao tempo fresco e recoñecible, cun directo que destaca pola súa capacidade para conectar co público, mesturando o humor e a calidez das súas raíces andaluzas coa esencia máis crúa do blues. No seu currículo figura o segundo posto na categoría Solo/Dúo do International Blues Challenge de Memphis en 2020, ademais do premio Lee Oskar Best Harmonica Award.

O segundo nome confirmado é Andhrea and the Black Cats, banda galega consolidada e gañadora do VI Concurso da Societat de Blues de Barcelona, cunha notable proxección exterior tras participar en festivais como o Benicàssim Blues Festival, o Festival de Blues de Albatarrec-Lleida ou o Sweet Cotton Festival. O grupo levou o seu blues clásico con enerxía renovada e matices de New Orleans por escenarios de toda Galicia, desde o Outono Códax ata o Fisterra Blues Experience.

A formación está liderada pola vocalista Andrea Verdú e complétana Benjamín Vázquez á guitarra, Ramón Figueira (Figui) ás armónicas, Aitor García á batería e Manuel Martínez (Lolo) á tuba. Esta será a súa segunda participación no Sarria Blues no Camiño, xa que na primeira edición actuaron nun formato itinerante sobre unha plataforma en movemento que percorreu varias rúas da vila. Nesta ocasión, a banda ofrecerá un concerto nun escenario fixo.

0.4228720664978