O SEPE deberá indemnizar a unha traballadora por non contarlle o tempo cotizado como empregada do fogar

A Asesoría Xurídica de CCOO demostra que se vulnerou o dereito da muller a non ser discriminada e logra unha indemnización de 5000 euros
empregada-fogar
4 Jun 2026

A Sección do Social do Tribunal de Instancia de Vigo acaba de condenar o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) a indemnizar unha traballadora por non ter en conta, ata en dúas ocasións, o tempo que cotizou como empregada do fogar cando foi solicitar a súa prestación por desemprego contributiva. O organismo público terá que aboarlle 5000 euros por danos morais, ao vulnerar o seu dereito a non ser discriminada por razón de xénero.

A demanda, presentada pola Asesoría Xurídica de CCOO de Galicia, tamén reclamaba que se declarase o dereito da muller a percibir a citada prestación, pero esa petición quedou sen efecto porque o SEPE, unha semana antes do xuízo, mudou de criterio e estimou a reclamación da traballadora. Nesa resolución, o organismo si tivo en conta o período que a muller cotizou ao Sistema Especial dos Empregados do Fogar.

O maxistrado, aplicando a xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e da xustiza europea, considera que «non ofrece dúbida que o SEPE discriminou a traballadora». Nese senso, lembra que «constitúe unha discriminación indirecta por razón de sexo unha situación na que unha disposición, un criterio ou unha práctica aparentemente neutros sitúan persoas dun sexo determinado en desvantaxe».

Tamén apunta a sentenza, datada o 26 de maio e contra a que cabe recurso de suplicación, a necesidade de aplicar a perspectiva de xénero, de xeito que cando se presenten diferentes interpretacións «deberase preferir aquela que protexa con maior eficacia as persoas ou os grupos que sexan afectados por condutas discriminatorias ou intolerantes». No caso do Sistema Especial para Empregados do Fogar, existe un «indiscutible nesgo feminino» xa que a práctica totalidade do colectivo, un 96 %, son mulleres.

De acordo coa xurisprudencia emanada do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), a normativa española é discriminatoria coas empregadas do fogar, incluso despois da reforma lexislativa de 2022, xa que non estendeu o réxime da Seguridade Social ás cotizacións anteriores á entrada en vigor do real decreto. «Debemos evitar que persista a discriminación, o que impón recoñecerlle a este grupo as prestacións que non se lle recoñeceran e nas mesmas condicións que ao resto», esgrime a sentenza do TSXG citada polo titular da praza n.º 6 da Sección do Social do Tribunal de Instancia de Vigo.

Para xustificar a indemnización de 5000 euros, o maxistrado lembra que o SEPE denegou en dúas ocasións a prestación contributiva e a muller debeu permanecer un tempo percibindo o subsidio de desemprego, «o que implica unha prestación de menor contía e, conseguintemente, unha menor calidade de vida».

0.33642482757568