O Simposio das Letras reivindica a permanencia da obra de Begoña Caamaño e abre novas vías para explorar o seu legado

O encontro organizado pola Real Academia Galega no MARCO de Vigo reúne unha ducia de voces para afondar na súa literatura, no seu xornalismo e na súa vida, e descubrir a autora que estaba a construír máis alá da reescritura dos mitos
VIGO simposio begoña
21 Nov 2026

A Real Academia Galega (RAG) celebra este sábado no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) o Simposio das Letras Galegas 2026, dedicado a Begoña Caamaño, co obxectivo de reivindicar a permanencia da súa obra e impulsar novas vías de estudo e coñecemento sobre a escritora. Baixo o título 'Begoña Caamaño: literatura, xornalismo e vida', o encontro reúne unha ducia de voces especializadas na súa obra e persoas do seu círculo persoal para ofrecer novas perspectivas sobre o seu legado.

A xornada pretende ser un punto de partida para continuar coa lectura e análise da autora, homenaxeada este ano nas Letras Galegas. O simposio tamén busca afondar na narradora que Caamaño estaba a desenvolver despois da súa exitosa revisión dos mitos clásicos en 'Circe ou o pracer do azul' (2009) e 'Morgana en Esmelle' (2012).

A súa irmá, Beatriz Caamaño, revelou que a escritora traballaba nos últimos anos da súa vida nunha novela inspirada na súa bisavoa Emérita Rivera, que tiña como título inicial A saga sen fuga. A historia desta muller, que abandonou con nove anos a aldea de Valeixe, na Cañiza, para traballar na cidade e sacar adiante a súa familia, era unha das inspiracións do proxecto.

'Se Begoña vivise algo máis de tempo, hoxe a nosa bisavoa seguramente estaría a acompañar a Circe, Penélope e Morgana', afirmou Beatriz Caamaño, que describiu Emérita como unha das tantas mulleres silenciadas que pasaron penurias e foron o motor de moitas comunidades.

Un legado literario e feminista

A coordinadora do programa, María López Sández, destacou a calidade literaria da obra de Caamaño, a súa dimensión estética e lingüística e o seu compromiso social. Segundo sinalou, as súas novelas parten de dúas grandes fontes narrativas: a tradición grecolatina, presente en 'Circe ou o pracer do azul', e a materia de Bretaña, que inspira 'Morgana en Esmelle'.

López Sández tamén incidiu na actualidade da mirada feminista da autora e na súa defensa dunha nova masculinidade como elemento necesario para avanzar na igualdade.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, subliñou que o simposio permite facer balance do ano dedicado a Caamaño, pero tamén abrir novas vías de coñecemento sobre a súa obra. O obxectivo, apuntou, é consolidar o lugar que merece no canon literario galego e achegala especialmente ás novas xeracións e ao sistema educativo.

O xornalismo e a construción da súa voz narrativa

O encontro abordará tamén o proceso de construción da voz literaria de Begoña Caamaño, a súa paixón pola lectura desde a infancia e a influencia do xornalismo na súa escritura. A crítica literaria María Xesús Nogueira afondará na súa evolución como escritora, que debutou aos 45 anos con 'Circe ou o pracer do azul'.

O simposio inclúe mesas redondas sobre a reescritura dos mitos, o xornalismo e o compromiso, e a relación entre a vida, a memoria e os afectos. Participan, entre outras voces, María Teresa Amado, Santiago Gutiérrez García, Lara Rozados, Víctor F. Freixanes, María Xosé Porteiro, Ana Romaní, Lucía Junquera, Uxía Senlle, Ramón Nicolás e Beatriz Caamaño.

A xornalista María Xosé Porteiro lembrará os primeiros anos de Caamaño en Radio Popular, no Vigo dos anos 80, mentres Ana Romaní destacará o seu rigor, a documentación e a audacia á hora de cuestionar discursos e ofrecer novas perspectivas.

Lucía Junquera, representante dunha nova xeración de xornalistas, reivindicará o modelo de xornalismo de rúa da autora, baseado no contacto directo coas fontes e coa cidadanía.

Unha figura que permanece

A dimensión máis persoal de Begoña Caamaño chegará da man da súa irmá Beatriz, da cantante Uxía Senlle e do académico Ramón Nicolás, que compartirán lembranzas sobre a súa infancia no barrio vigués do Calvario, as amizades e a relación entre a súa experiencia vital e a literatura.

Uxía Senlle lembrará a xenerosidade da escritora e a súa capacidade para practicar a sororidade, máis alá da teoría, mentres Ramón Nicolás abordará a recepción da súa obra entre o alumnado de secundaria.

O Simposio das Letras Galegas concluirá coa actuación musical de Uxía Senlle, amiga persoal de Begoña Caamaño, que lle dedica o seu último disco.

0.28824901580811