O SLG denuncia o baixo coste da uva da DO Rías Baixas

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) denuncia que a uva da Denominación de Orixe Rías Baixas se está pagando na actual campaña a prezos equivalentes, e mesmo inferiores, aos que establecía o contrato homologado que estivo en vigor entre 2009 e 2011. Un acordo que naceu na Mesa do Viño coa mediación da Administración e que, segundo sinala a organización agraria, evidencia que o sector produtor leva máis dunha década sen ver recoñecido o incremento dos custos.
A comparación, realizada a partir de documentación recuperada nas comarcas do Baixo Miño, reflicte que os prezos que reciben actualmente moitos viticultores e viticultoras apenas variaron respecto aos de hai quince anos.
O contrato homologado de 2011 establecía uns prezos mínimos de referencia en función da graduación da uva. Naquela campaña, as variedades albariño e caíño branco pagábanse a 1,23 euros por quilo con 12 graos, a 1,39 euros con 12,5 graos e a 1,50 euros con 13 graos, sen IVE.
Segundo os datos recompilados polo SLG, estas cantidades son as que se están pagando actualmente, ou mesmo menos, en numerosas entregas das zonas do Condado e do Rosal. O sindicato documenta prezos de entre 1,20 e 1,30 euros por quilo, así como operacións de venda que se sitúan entre os 0,60 e os 0,80 euros por quilo. Ademais, lembra que o contrato de 2011 contemplaba unha revisión anual vinculada ao IPC que nunca podía supoñer unha redución do prezo, un mecanismo que actualmente non se está aplicando.
O custo de produción sitúase en 1,5 euros por quilo
A organización agraria advirte de que a situación resulta especialmente preocupante ao comparar os prezos actuais cos custos de produción. O SLG estima que producir un quilo de uva custa actualmente arredor de 1,5 euros, a mesma cantidade que se establecía como prezo mínimo en 2011 para a uva de 13 graos.
Deste xeito, un prezo que hai quince anos garantía un mínimo de referencia equivale agora ao custo que deben asumir os produtores para obter a uva, sen que iso supoña unha marxe que permita garantir a rendibilidade das explotacións.
Unha situación que lembra a vendima de 2011
O sindicato considera que os problemas actuais lembran os que se produciron durante a vendima de 2011. Naquel momento, o SLG alertou as súas persoas afiliadas de que algunhas adegas anunciaban que non recollerían toda a uva, a pesar de que o Consello Regulador autorizara un incremento do 15 % nos rendementos, coa intención de impoñer un segundo prezo máis baixo.
Ante aquela situación, a organización advertiu de que non permitiría que se pagase por debaixo do mínimo establecido no contrato e anunciou mobilizacións e medidas legais. Quince anos despois, denuncia que as queixas volven ser as mesmas: uva que queda sen recoller e prezos que non permiten cubrir os gastos de produción.
Unha reivindicación que se remonta a hai vinte anos
O SLG lembra que a defensa dun prezo digno para a uva é unha reivindicación histórica do sector produtor. Xa na Mesa do Viño de 2006, os sindicatos agrarios defenderon un prezo mínimo de 1,20 euros máis IVE para a uva de 11,3 graos, con incrementos por cada décima de grao.
Naquel momento, as adegas ofrecían cantidades de entre 0,75 e 1,20 euros, dependendo da graduación. Vinte anos despois, o sindicato sinala que o prezo que se paga en moitos casos non supera aquel mínimo que o propio sector produtor xa consideraba insuficiente para cubrir os gastos.
Ante esta situación, o Sindicato Labrego Galego volve reclamar á Xunta de Galicia e á Administración competente que establezan e fagan cumprir un prezo mínimo de referencia que cubra os custos de produción. Tamén esixe que se inspeccionen de oficio os contratos para garantir o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e que se asegure a recollida de toda a uva de calidade.
A organización lembra, ademais, que continúa á espera dunha resposta tras a reunión mantida en agosto cos concellos do Condado e do Rosal.