O V Festival Ultreia et Suseia encherá Sarria de cultura, tradición e artes escénicas a partir do 14 de xullo

Sarria acollerá desde este martes, 14 de xullo, e ata o vindeiro 5 de agosto a quinta edición do Festival Ultreia et Suseia, unha cita que volverá converter a vila nun espazo de encontro coa cultura galega a través dunha programación aberta e multidisciplinar na que terán cabida as artes escénicas, a música, o humor, a tradición oral, o baile e a participación do tecido asociativo, sempre co Camiño de Santiago como fío condutor.
Baixo o lema "Todo o que somos", esta edición estrutúrase arredor de cinco grandes eixos: humor, baile tradicional, historias, artes escénicas e música. O festival manterá a súa aposta por activar diferentes espazos da vila e por implicar ás asociacións culturais da comarca na creación de contidos propios, reforzando así o carácter participativo dunha iniciativa construída desde Sarria e para Sarria.
Durante todo o festival poderá visitarse na Sede a exposición de arte contemporánea da Asociación Cultural Huhú.
A programación abrirase o martes 14 de xullo coa narración infantil de Paula Regueira, ás 12.00 horas, e co espectáculo 'Dentro y fuera', de Pepe y Lucas, que se representará ás 22.00 horas na Casa da Cultura.
O mércores 15 de xullo celebrarase un obradoiro de manualidades con materiais reciclados impartido por Cuarzo Verde, ás 11.30 horas, mentres que ás 20.30 horas terá lugar 'Contos Sonoros', unha proposta protagonizada por Quico Cadaval xunto á Banda de Música da Comarca de Sarria.
A xornada do xoves 16 estará centrada nas Xornadas Camiño de Santiago e Territorio: Música, tradición e educación. Ás 11.00 horas desenvolverase no IES Gregorio Fernández a posta en práctica do material didáctico 'O Camiño de Cantigas: música tradicional para instrumentación escolar', con Laura Álvarez e Carme López, da USC. Xa pola tarde, desde as 17.00 horas, a Capela do Perpetuo Socorro acollerá diferentes seminarios e conferencias, entre elas 'Os instrumentos musicais no Camiño de Santiago. Pasado, presente e futuro', con Germán Arias e Arxemil Luthería, así como unha mesa de experiencias educativas na que participarán Outonía S. Coop., o Grupo de Innovación Docente da Escola Imaxinada da USC, o Grupo de Investigación Eunoia da UDC e o Grupo Liter-21 da USC. Ás 19.00 horas celebrarase o concerto ilustrado 'A zanfona e o Camiño de Santiago', a cargo de Germán Díaz e Benxamín Otero, e ás 20.30 horas será a quenda da Camiñografía, un percorrido polo casco histórico coa participación de Meigas e Trasgos, Peleriños, a Coral Polifónica de Sarria e Silvia Mondelo.
O venres 17 de xullo, ás 21.00 horas, O Meigallo acollerá 'El Recucho de la Comedia', unha sesión de monólogos protagonizada por Xosé A. Touriñán, David Amor e Leti da Taberna.
A programación continuará o sábado 18 de xullo cun obradoiro de danza contemporánea 'O corpo opalescente', dirixido por Noel Quintela na Palleira, ás 10.00 horas. Ás 17.00 horas, a Coral Polifónica de Sarria ofrecerá un concerto na residencia de maiores Señora del Carmen. Xa ás 19.00 horas, o paseo do Malecón converterase no escenario de A Romaxe do Camiño, coa participación de Por Vir, Rúa da Música e as actuacións de Ünder & Diego Flâneur, Lisdexia e Bonita, ademais da sesión musical de Sabrosa DJs.
O festival concluirá o 5 de agosto, ás 23.00 horas, no Parque do Chanto, coa representación de 'A Illa do tempo', unha teatralización musicalizada na que participarán Meigas e Trasgos, Peleriños, Rebuldeira Teatro, Sarricanta, Ars Principia, a Banda de Música de Sarria, Silvia Mondelo e César No.
O evento está coordinado por Etiqueta Negra Producciones e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de O Teu Xacobeo; da Deputación de Lugo, mediante a Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística; do Concello de Sarria, a través de Sarria Turismo; e da Fundación Comarca de Sarria.