O Vicedo prepárase para conquistar o verán coa Romaxe Viquinga

O Vicedo volverá viaxar varios séculos atrás coa celebración dunha nova edición da Romaxe Viquinga, unha cita que os días 24 e 25 de xullo transformará diferentes espazos do municipio nun escenario inspirado no mundo viquingo e medieval. A programación reunirá recreacións históricas, actuacións musicais, propostas infantís, obradoiros e espectáculos pensados para atraer tanto á veciñanza como aos visitantes.
As actividades arrancarán o venres 24 de xullo no exterior do Multiusos-Casa da Cultura. Ás 20:30 horas celebrarase o pregón inaugural, que correrá a cargo de Valentín García Gómez, dando paso, media hora máis tarde, á gran parada e aos combates entre viquingos e cristiáns. Nesta recreación participarán as asociacións Cabaleiros Rías Altas, Hípica Celta, Vikings Galicia e Bergidum Templi, mentres que a Banda de Gaitas ACM Dambara de Burela será a encargada da animación musical.
O prato forte chegará o sábado 25 de xullo na praia de Area Grande, en San Román, onde desde a mañá permanecerán abertos os campamentos viquingo e cristián. O público poderá participar en talleres, actividades interactivas, xogos medievais, demostracións e propostas como o adestramento de mercenarios, pintacaras e tatuaxes viquingas.
A mediodía terá lugar un dos momentos máis esperados da xornada co desembarco viquingo na praia, seguido dunha gran batalla épica entre ambos exércitos e dunha procesión cara ao campamento. A programación matinal completarase cunha actuación de Lenha Verde e cunha comida campestre popular.
Pola tarde, a Romaxe ofrecerá unha intensa programación con concertos, espectáculos infantís, actuacións itinerantes, contacontos, xogos tradicionais e un desfile de viquingos e cristiáns que incluirá un concurso aos mellores vestiarios. Tamén se celebrará unha voda viquinga con cerimonia simbólica, ademais de probas medievais e un gran torneo cristián.
No apartado musical subirán ao escenario Asher's Warriors, que actuará en dúas ocasións, Isidro Vidal e Mígho Heireann, proxecto liderado por Tim O'Sullivan, mentres que Viravai presentará o espectáculo familiar Paio, o poder da música.
A xornada concluirá cun dos actos máis emblemáticos da celebración: o Enterramento Viquingo, no que participarán as distintas asociacións recreacionistas acompañadas por Lenha Verde. Como broche final, o espectáculo de lume Vikings Lume porá o peche á Romaxe arredor da medianoite.