O VIII Certame de Rondallas de Vigo celebrarase este sábado en Navia

O Concello de Vigo organiza este sábado, 10 de xaneiro, a oitava edición do Certame de Rondallas de Vigo, que se celebrará por primeira vez no Pavillón Municipal de Navia a partir das 17:30 horas.
O encontro reunirá a catro rondallas da cidade: Bembrive, Valladares, Beade e Zamáns, nunha edición marcada pola ausencia da Peña O Freixo, tras o falecemento do seu director, Xusto Figueroa.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este mércores o evento e convidou á cidadanía a gozar dun espectáculo que levará “o folclore a toda a cidade”. Na presentación estivo acompañado pola concelleira de Festas, Patricia Rodríguez, así como por representantes das distintas agrupacións participantes.
Caballero puxo en valor a tradición centenaria das rondallas, unha manifestación cultural “única no sur da provincia de Pontevedra, desde Vigo ata o río Miño”, que foi transmitíndose de xeración en xeración e que segue viva grazas á implicación das novas fornadas. O rexedor destacou tamén o momento de auxe que vive este folclore, contribuído en parte pola película Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo, que está a dar visibilidade a esta tradición.
A previsión é que participen máis de 300 persoas, cunha media de entre 70 e 80 integrantes por agrupación. Se as condicións meteorolóxicas o permiten, as rondallas desfilarán previamente polas rúas de Navia antes do inicio do festival. O repertorio combinará pezas tradicionais con adaptacións máis actuais, sempre interpretadas con instrumentos propios da tradición musical galega.