O X Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo mantén abertas ao público as súas sesións finais

O X Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo continúa coa súa fase final no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde as actuacións dos oito pianistas finalistas poden seguirse con acceso libre ata completar a capacidade.
As sesións continuarán mañá, 12 de agosto, a partir das 16.00 horas, cun repertorio de libre elección interpretado polos participantes seleccionados para a final.
Os oito finalistas chegaron a esta fase despois dunha convocatoria que reuniu preto de 400 pianistas procedentes de 77 países. Estas cifras converten a décima edición do concurso na máis internacional da súa traxectoria.
O público poderá asistir de preto ás diferentes actuacións e seguir o desenvolvemento da fase final dun dos concursos internacionais de piano de referencia en Europa. Todas as sesións son de acceso libre ata completar a capacidade.
O certame conta co apoio do Concello de Vigo, a Xunta de Galicia, a través do programa O Teu Xacobeo, a Deputación de Pontevedra, INAEM, Kawai, Dos Acordes, AIE, Clemente Pianos, Polimúsica, Galicia Digital, Polaris Management, as sociedades filarmónicas de Vigo, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Oviedo, Burgos, Avilés e Zaragoza, Hotel 3 Luces e Radio Galega, entre outras entidades colaboradoras.