O’Mega pide ao Sergas que cumpra de forma urxente os acordos asinados en maio tras a suspensión da folga

A comisión de seguimento reuniuse este venres con representantes do Sergas para reclamar a posta en marcha das medidas, que terán carácter retroactivo unha vez publicadas no DOG
folga-medicos-chuac
18 Sep 2026

A Comisión de seguimento da suspensión da folga de O’Mega, integrada por representantes da entidade, así como por un representante de AME (Asociación MIR España) e outro de MUD (Asociación Médicos Unidos por sus Derechos), reuniuse este venres con representantes do Sergas para reiterar a necesidade de cumprir de forma inmediata os acordos asinados o pasado mes de maio.

O sindicato maioritario entre os médicos e facultativos de Galicia reclama que se poñan en marcha de maneira urxente as medidas que xa deberían estar en funcionamento e que, unha vez publicadas no DOG, terán carácter retroactivo. Entre elas figuran a aplicación da xornada ordinaria de 35 horas semanais para o persoal médico e facultativo, o descanso compensatorio da garda dos venres nos 15 días seguintes á súa realización, salvo casos excepcionais nos que se poderá diferir previo acordo entre as partes, a remuneración da quinta garda e sucesivas realizadas polo persoal MIR nun mesmo mes e a actualización do IPC no complemento de Produtividade Variable.

O’Mega valorou positivamente a comunicación existente co Sergas, pero lembrou a necesidade de cumprir e respectar os prazos pactados tras a suspensión da folga o pasado mes de maio. Neste sentido, instou á Administración sanitaria a activar de inmediato as medidas acordadas que xa deberían estar operativas.

A reunión foi convocada pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas e contou coa participación da Secretaría Xeral Técnica, da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, da Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria e da Dirección Xeral de Integración e Innovación Asistencial, ademais dos integrantes da Comisión de seguimento de O’Mega.

Entre os acordos alcanzados en maio figura un incremento progresivo, en tres tramos e durante un prazo de tres anos, do prezo das horas extras de garda ata equiparalas ás horas ordinarias. Esta medida aplicarase tamén proporcionalmente ás horas presenciais e localizadas, festivas e ás consideradas de alta dedicación.

O acordo contempla igualmente a análise dos plans funcionais dos servizos para dimensionar adecuadamente a súa organización e avanzar cara a un modelo no que as gardas sexan voluntarias nun prazo máximo de cinco anos, garantindo un descanso compensatorio suficiente para protexer a saúde do persoal sen prexudicar a asistencia sanitaria.

Ademais, establece a apertura dunha negociación sobre a exención das gardas para maiores de 55 anos, cun período transitorio voluntario para a súa reincorporación. Tamén recolle o incremento do complemento de produtividade variable, a xubilación flexible e a avaliación dos complementos salariais dos médicos e facultativos en relación cos avances que se produzan a nivel nacional.

Outro dos puntos do acordo é a creación dun grupo de traballo para reordenar a actividade asistencial estrutural realizada en quenda de tarde, coñecida como actividade autoconcertada ou peonadas.

No caso do persoal MIR, o acordo inclúe un complemento retributivo de residencia de carácter estrutural e lineal, destinado a mellorar a competitividade e a capacidade de captación e fidelización de profesionais médicos en Galicia. Ademais, establece a remuneración da quinta garda e das sucesivas que realicen nun mesmo mes.

0.36163306236267