O'Mega rexeita que se vincule o plus de produtividade dos médicos á redución das baixas laborais

Lembra que a incapacidade laboral “non é un trámite administrativo nin un indicador económico, senón un acto clínico-asistencial”.
Folga medicos Lugo
26 May 2026

O´Mega rexeita frontalmente a intención do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de vincular o plus de produtividade dos médicos á redución da duración das baixas por incapacidade temporal dos seus pacientes.

O sindicato maioritario entre os médicos galegos non cuestiona a necesidade dunha xestión rigorosa das incapacidades temporais nin a función inspectora nin a coordinación entre a Atención Primaria, a Inspección Médica, as mutuas e a Administración sanitaria, pero rexeita que esa coordinación poida converterse “nunha presión directa ou indirecta sobre os médicos de familia para acurtar baixas, emitir altas ou xustificar reiteradamente a continuidade de procesos clinicamente indicados”.

O´Mega lembra que a incapacidade laboral “non é un trámite administrativo nin un indicador económico, senón un acto clínico-asistencial” “que esixe valorar diagnóstico, situación funcional, evolución, riscos de reincorporación e características reais do posto de traballo”, polo que vincular a súa duración a incentivos económicos, produtividade ou carreira profesional “supón un conflito ético e profesional inaceptable, ao condicionar a independencia clínica do facultativo”.

O sindicato considera ademais que esta medida resulta especialmente preocupante porque contradí o principio recentemente acordado de que os obxectivos do Acordo de Xestión deben vincularse estritamente a criterios clínicos, polo que “calquera instrución, incentivo ou dinámica orientada a reducir baixas por duración media, táboas estándar, indicacións económicas ou impacto orzamentario vulnera o espírito deses acordos e compromete a autonomía profesional”.

O´Mega lembra que a Inspección Sanitaria dispón de competencias propias e de plena autonomía funcional, incluída a posibilidade de emitir altas cando o considere procedente, polo que se a Inspección entende que un proceso de incapacidade temporal debe finalizar debería asumir directamente esa decisión, motivala e formalizala por escrito sen desprazar esa responsabilidade cara ao médico de Atención Primaria nin convertelo en “executor de criterios alleos”.

O sindicato máis representativo entre os facultativos galegos sinala tamén que numerosos procesos de incapacidade temporal non dependen exclusivamente do médico de familia porque hai pacientes pendentes de probas diagnósticas, valoración especializada, consultas hospitalarias ou intervencións cirúrxicas que non poden recibir a alta mentres persista a súa limitación funcional real, polo que trasladar ao médico de Atención Primaria a responsabilidade de acurtar eses procesos “supón ignorar as demoras do propio sistema sanitario”.

O´Mega chama ademais a atención acerca da posibilidade de que se o paciente percibe que a súa alta responde a criterios económicos, de cumprimento de obxectivos, o médico de familia quedará exposto como responsable directo dunha decisión que pode verse condicionada desde fóra, o que incrementará o risco de conflitos, ameazas, insultos e agresións tanto verbais como físicas.

O sindicato médico esixe ao Sergas que se retiren dos Acordos de Xestión, obxectivos, produtividade variable e carreira profesional todos aqueles indicadores que vinculen a retribución ou a progresión profesional do médico á redución da duración das baixas laborais dos seus pacientes.

0.53160691261292