Os Franco seguen como titulares rexistrais do Pazo de Meirás case catro meses despois da sentenza do Supremo

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña denunciou que os herdeiros de Franco seguen figurando como titulares rexistrais do Pazo de Meirás case catro meses despois de que o Tribunal Supremo confirmase a titularidade pública do inmoble.
Segundo a entidade, unha nota simple emitida este 6 de xullo polo Rexistro da Propiedade de Betanzos mantén a finca rexistral a nome dos Franco, en virtude dunha inscrición de xullo de 2019. A CRMH lembra que a sentenza ordena expresamente non só declarar a titularidade do Estado e a nulidade dos títulos da familia, senón tamén cancelar as inscricións rexistrais contraditorias.
O colectivo asegura que non lle consta que o Estado solicitase ao Rexistro a cancelación deses asentos nin a inscrición correlativa da finca ao seu nome. Ao seu xuízo, non existirían impedimentos para facelo, xa que a sentenza do Supremo é firme e abondaría coa achega da certificación xudicial correspondente.
A CRMH considera que esta situación evidencia unha nova mostra de 'pasividade e inacción' do Estado na execución da sentenza. A entidade vincula este retraso coa falta de avances na apertura total do Pazo ás visitas públicas e na activación dos órganos de participación previstos no protocolo interadministrativo de 2021.
O colectivo subliña que Meirás é xa, a todos os efectos agás os rexistrais, unha propiedade pública, polo que ve inxustificado que continúe pechado parcialmente e que non se permita o acceso a estancias interiores que si eran visitables cando a familia Franco xestionaba as visitas obrigadas pola súa condición de Ben de Interese Cultural.
A Comisión reclama ao Estado que execute plenamente a resolución xudicial e reactive os mecanismos de xestión compartida coas administracións implicadas, unha demanda que tamén mantén o Concello de Sada para definir os usos públicos e memorialistas do Pazo de Meirás.