Os Premios Feroz homenaxean ás pioneiras do cinema na programación de novembro

O mes de novembro chega a Pontevedra coa mirada posta nas mulleres pioneiras do cinema, grazas á programación especial dos Premios Feroz 2026, que regresan por segundo ano consecutivo á cidade. A iniciativa, organizada pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), contará con actividades de marcado carácter feminista e coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O ciclo “Pioneiras” abrirá a programación con proxeccións e coloquios dedicados a directoras, guionistas e produtoras que marcaron a historia do cinema español. As sesións celebraranse no Teatro Principal ás 18.00 horas, con entrada de balde previa retirada na Oficina de Turismo.
O sábado 1 de novembro proxectarase Brumal, de Cristina Andreu, quen conversará coa xornalista Teresa Cuíñas (CSAG).
O mércores 5 de novembro, a produtora Sol Carnicero falará con María Hermida (La Voz de Galicia) arredor de Vamos, Bárbara, ópera prima de Cecilia Bartolomé, Premio Feroz de Honra 2022.
O xoves 20 de novembro, proxectarase Función de noche de Josefina Molina, cun coloquio entre Concha Barral e Belén López (Diario de Pontevedra).
O luns 24 de novembro, será a quenda de El crimen de Cuenca, coa presenza da súa guionista, Lola Salvador, acompañada por Paula Cons, directora e xornalista.
Tamén destaca a clase maxistral da figurinista Cristina Rodríguez, o mércores 19 de novembro ás 19.00 horas na Facultade de Deseño. A deseñadora, sete veces nomeada aos Goya, falará do seu proceso creativo e da súa experiencia en cinema e televisión, nun encontro moderado por Lola Dopico (UVigo).
O 20 de novembro, a Academia Galega do Audiovisual organizará a xornada Procesos de escritura: guión, interpretación e montaxe, centrada no papel do guión como estrutura creativa dunha obra audiovisual. Celebrarase na Facultade de Comunicación, con entrada libre. Participarán Victoria Teijeiro, Ledicia Sola, Fernando Tato, Paula Cons, Laura Piñeiro, Sandra Sánchez, Ángel Filgueira e Gaspar Broullón.
O mércores 26 de novembro, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e os Feroz celebrarán en Casa da Luz o encontro Informar sobre cinema, con María Guerra (presidenta da AICE), Ángel Suanzes (CSAG) e Andrea Villa, sobre os límites e retos do xornalismo cinematográfico.
Por último, o xoves 27 de novembro será un día especial: pola mañá anunciaranse as nominacións á 13ª edición dos Premios Feroz, e pola tarde, no Teatro Principal, celebrarase un coloquio cos intérpretes que desvelen as candidaturas. Ambas actividades serán abertas ao público previa retirada de entradas na Oficina de Turismo da rúa Montero Ríos.
A AICE celebrará a gala dos Premios Feroz 2026 o sábado 24 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra, coa colaboración do Concello de Pontevedra, Legado Ibérico (Elpozo), Audi e o ICAA do Ministerio de Cultura.