Os Premios Mestre Mateo reúnen 155 producións e 393 profesionais na súa 25ª edición

As votacións para escoller as candidaturas finalistas comezan este xoves 19 de novembro. A gala celebrarase o 27 de febreiro en Palexco e a edición incorpora cambios nas categorías para reflectir a diversidade do audiovisual galego
A CORUÑA mestre mateo
18 Nov 2026

A 25ª edición dos Premios Mestre Mateo xa está en marcha coa participación de 155 producións e 393 profesionais do sector audiovisual galego. A Academia Galega do Audiovisual abrirá este xoves, 19 de novembro, a primeira rolda de votacións para elixir as candidaturas finalistas, que se darán a coñecer o 23 de decembro. A gala de entrega dos galardóns terá lugar o 27 de febreiro en Palexco, na Coruña.

A presentación desta edición contou coa participación da vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, Alba Gallego; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; o director da AGADIC, Jacobo Sutil, e o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica da Coruña, Juan Ignacio Borrego.

Entre as producións presentadas hai unha ampla variedade de formatos. A categoría de videoclip reúne 30 propostas, mentres que as curtametraxes documentais suman 24 candidaturas e as de ficción, 21. Tamén concorren sete curtametraxes de animación, nove longametraxes documentais, catro longametraxes e seis longametraxes en lingua non galega.

No apartado das series, participan catro producións en galego e tres noutras linguas. As categorías de programas reúnen 13 propostas informativas, divulgativas ou de actualidade e 18 de variedades e entretemento. Pola súa banda, a categoría de anuncio publicitario conta con 16 candidaturas.

Novas categorías para representar a diversidade do sector

A edición incorpora cambios na estrutura dos premios co obxectivo de recoñecer de maneira máis equilibrada os distintos formatos e ámbitos da produción audiovisual galega. Unha das principais novidades é a separación das categorías de Mellor Longametraxe e Mellor Serie en función da lingua, con apartados específicos para as producións en galego e para as realizadas noutras linguas.

Con esta modificación, a Academia busca reforzar a visibilidade das obras na lingua propia, que afrontan maiores dificultades para acceder aos circuítos de distribución e exhibición, sen deixar de recoñecer o conxunto do audiovisual producido en Galicia.

Tamén se reorganizan as categorías televisivas, que pasan a distinguir entre programas informativos, divulgativos e de actualidade e os de variedades e entretemento. Ademais, a dirección contará con categorías específicas para longametraxes, series e programas, mentres que a comunicación se dividirá en dúas modalidades para atender ás particularidades dos diferentes formatos.

Proxeccións e actividades antes da gala

A Academia Galega do Audiovisual prepara unha programación de actividades para achegar as obras candidatas ao público e conmemorar os 25 anos dos premios. O calendario comezará o xoves 26 de novembro cunha maratón de proxeccións de todas as curtametraxes de ficción e animación candidatas nos Cantones Cines, na Coruña.

O domingo 29 de novembro será a quenda das curtametraxes documentais, cunha sesión en Culturgal. Xa o xoves 10 de decembro celebrarase un encontro dedicado ás candidaturas de videoclips, no que participarán profesionais vinculados ás pezas seleccionadas.

O 23 de decembro anunciaranse os proxectos finalistas que competirán polos galardóns na gala do 27 de febreiro en Palexco. Estas actividades forman parte do programa co que a Academia pretende dar visibilidade á variedade de propostas e ao talento do audiovisual galego.

1.4870030879974