Os socialistas esixen á Xunta un plan de choque contra a "carestía da vida"

A deputada Patricia Iglesias rexistra no Parlamento unha batería de iniciativas para exisirlle á Xunta axudas reforzadas contra a pobreza enerxética e apoio extraordinario para autónomos e pemes
patricia-iglesias-parlamento-galego
19 Sep 2026

O Grupo Parlamentario Socialista rexistrou no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas da deputada Patricia Iglesias na que reclama á Xunta un plan de choque específico contra a carestía da vida, cunha dotación orzamentaria suficiente e medidas urxentes para frear a perda de poder adquisitivo das familias galegas. O texto, que se debaterá en comisión e en pleno, inclúe tamén un paquete de preguntas sobre o que pensa facer o Goberno galego ante esta escalada dos prezos.

A iniciativa parte dos últimos datos do Índice de Prezos de Consumo. En agosto o IPC subiu en Galicia un 4,8% interanual, sete décimas máis que en xullo e medio punto por riba da media estatal, que quedou no 4,3%. É a segunda taxa máis alta de todo o Estado, só por detrás de Cantabria, e o nivel máis elevado en Galicia desde xaneiro de 2023. No que vai de ano os prezos acumulan aquí unha suba do 4%, fronte ao 3,3% do conxunto de España.

"Levamos seis meses seguidos cunha inflación máis alta que a media española e a Xunta segue instalada no comentario dos datos, como se isto fose unha cuestión meteorolóxica", afirma Iglesias. "As familias galegas non perden poder adquisitivo por casualidade. Pérdeno porque aquí a vida encarece máis rápido que noutras comunidades e ninguén está facendo nada para evitalo".

O motor da suba está na enerxía e no transporte. O grupo de transportes subiu un 11% interanual en Galicia e o de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles, un 9,3%. As previsións tampouco convidan ao optimismo: o Instituto Galego de Estatística calcula que a inflación galega escalará ata o 5,3% en setembro.

Para os socialistas, esa evolución ten un efecto directo sobre os fogares con menos ingresos e dispara o risco de pobreza enerxética e exclusión social. "Cando o recibo da luz, a bombona e o depósito do coche soben ao mesmo tempo, hai casas nas que xa non se trata de recortar caprichos, senón de decidir que factura se deixa de pagar", sinala a deputada.

A iniciativa pon o foco tamén no tecido produtivo. Autónomos, comercio, hostalaría, sector primario e pequenas e medianas empresas están asumindo uns custos de funcionamento moito máis altos, que reducen as súas marxes e comprometen a viabilidade de moitos negocios. "Unha panadaría, un taller ou un transportista non poden trasladar ao prezo final todo o que lles sobe o gasóleo. Ou se lles bota unha man, ou acaban pechando", engade Iglesias.

O texto rexistrado reclama tres compromisos concretos: aprobar o plan de choque con orzamento propio, reforzar as axudas contra a pobreza enerxética para os fogares máis vulnerables e activar medidas extraordinarias de apoio a autónomos e pemes nos sectores máis castigados polo custo da enerxía e dos combustibles. Xunto a eles, os socialistas preguntan á Xunta que valoración fai do dato de agosto, que medidas vai adoptar e con que orzamento.

Iglesias lembra ademais que o Goberno de España si reaccionou á escalada dos carburantes, elevando desde o 1 de setembro a 20 céntimos por litro a rebaixa do imposto de hidrocarburos aplicable ao gasóleo, e reclama á Xunta que faga a súa parte. "Galicia ten competencias, ten recursos propios e ten un problema de prezos peor que a media do Estado. O que non ten é un goberno disposto a usalos".

0.3331310749054