Óscar Rodríguez, campión do mundo de oratoria: "Galicia ten máis campionatos do mundo ca o resto de España"

O lucense gañou o Mundial de Oratoria en Español 2026 en Colombia tras quedar subcampión en 2024. A súa traxectoria comezou cunha lesión que o afastou do baloncesto e unha frase dun profesor que o levou ao debate, unha disciplina que hoxe promove entre os mozos a través da asociación Más Debate
Óscar-Rodríguez-de-Vivero-Campeón-Mundial-Oratoria
8 Nov 2026

Jessica Fernández

"É un absoluto privilexio ter gañado este Mundial. Compartilo con 400 participantes e chegar ata aquí é fantástico". Así resume Óscar Rodríguez de Vivero a experiencia que acaba de vivir en Cali (Colombia), onde se proclamou campión do Mundial de Oratoria en Español 2026. O estudante lucense da Universidade Carlos III de Madrid impúxose na final á colombiana Mariángel Solano Mendoza, da Universidade Industrial de Santander, e conseguiu o título que se lle escapara dous anos antes en Bos Aires.

A vitoria ten tamén unha dimensión colectiva para o orador, que reivindica o papel de Galicia nesta disciplina. "España tivo tres campións do mundo e dous somos galegos, é dicir, Galicia ten máis campionatos do mundo ca o resto de España", destaca. Rodríguez amósase orgulloso de representar a súa terra nunha competición internacional na que, ademais, só pode participar unha persoa por país desde hai dous anos. "É un privilexio ter podido representar a España e telo feito dúas veces, en 2024 e agora", engade.

O certame, organizado pola Liga Española de Debate Universitario (LEDU) e a Rede Latinoamericana de Cooperación Universitaria (RLCU), alcanzou a súa sexta edición con máis de 400 participantes de 22 países. Tras unha primeira selección de cen candidatos baseada nos seus méritos e resultados anteriores, os aspirantes tiveron que defender un discurso avaliado por un xurado profesional e polo público nas redes sociais. Os catro mellor clasificados accederon á fase final, á que Rodríguez chegou como primeiro da fase previa.

Competir en español non significa, porén, facelo nas mesmas condicións lingüísticas e comunicativas. O lucense explica que preparar unha intervención para un público de distintos países obriga a revisar tanto as palabras como o estilo. "Non só é diferente a linguaxe, senón que tamén é diferente o estilo. Hai algunhas palabras que non van entender ou que non existen", sinala. El mesmo tivo que modificar algunhas expresións nos seus discursos: "Nas primeiras versións falaba do meu instituto e despois tiven que cambialo por 'colexio', porque 'instituto' pode que non o entendan nalgúns países".

As diferenzas tamén afectan á maneira de interpretar un discurso. "A oratoria hispanoamericana tende a ser bastante máis teatral", explica. Por iso, considera que un dos maiores retos do Mundial consiste en manter a identidade propia sen perder a conexión co xurado. "O equilibrio entre non renunciar ao teu estilo, pero conseguir o voto, neste caso dun 60 % do xurado que non era español, é unha das cousas máis complicadas".

Unha viaxe, unha vendedora de froita e unha reflexión sobre o compromiso

A final incluíu dous discursos: un de tres minutos sobre un tema obrigatorio e outro de cinco minutos de temática libre. Na primeira intervención, Rodríguez tivo que responder á pregunta de se viaxar nos converte en cidadáns do mundo ou en turistas da vida dos demais. Para defender a súa postura, recorreu á imaxe dunha persoa que fotografía unha vendedora de froita sen preguntarlle sequera o nome.

"O problema non é mirar. O problema é mirar sen deber nada", afirmou. A partir desa escena, argumentou que coñecer outros lugares non implica necesariamente comprender as persoas que os habitan nin asumir unha responsabilidade cara a elas. "Eu defendín a idea de que para ser un cidadán se require ter unha responsabilidade cara a un sitio, non ser un turista de vidas alleas".

A diferenza, segundo desenvolveu, está nos compromisos que se adquiren coa comunidade. "Un cidadán ten certas obrigas coa súa cidade: vota, paga impostos e colabora cos seus veciños, por exemplo, mentres que un turista non ten esa responsabilidade, simplemente consome". Rodríguez relacionou esta reflexión co modelo de turismo rápido, baseado en viaxar a baixo custo, visitar os lugares máis coñecidos e marchar cara ao seguinte destino.

"Voar por 15 euros, aloxarte nun hostal, facer unha foto aos tres sitios principais da cidade e irte á seguinte non ten nada intrinsecamente malo, pero desde logo non é suficiente para considerarse cidadán ou pertencente a un lugar distinto ao que xa es", sostén. O seu argumento non cuestiona a posibilidade de viaxar, senón a idea de que acumular destinos abonda para sentirse parte doutras realidades.

Na semifinal tamén tivo que responder a unha cuestión sobre civismo: se unha sociedade pode ser cívica cando necesita vixiar os seus cidadáns para que coiden o que é común. Rodríguez defendeu que esa vixilancia pode ter un sentido positivo cando procede da propia cidadanía, a través de xestos cotiáns como observar se alguén tira lixo ao chan ou fala demasiado alto no transporte público. Para el, esa mirada mutua pode contribuír a que os valores compartidos prevalezan sobre a comodidade individual.

Tres palabras que cambiaron o seu camiño

O discurso libre da final, titulado "O que dicimos sen pensar", foi máis persoal. Rodríguez decidiu contar como chegou ao debate por casualidade e como unha frase aparentemente insignificante acabou marcando a súa traxectoria.

Aos 16 anos, o seu principal obxectivo era o baloncesto. Tiña proxección, fora convocado coa selección española e xogaba na máxima categoría autonómica. Unha lesión de xeonllo interrompeu aquela etapa e deixoulle máis tempo libre. Coincidiu entón coa creación dun club de debate no seu colexio. Tres compañeiros necesitaban unha cuarta persoa para completar o equipo e preguntaron aos profesores a quen podían chamar.

"Un deles, falando de min, dixo: 'Ese non fala mal'", lembra. A partir daquela recomendación contactaron con el e comezou a participar en competicións. O que inicialmente foi unha alternativa para ocupar o tempo acabou converténdose nunha actividade na que atopou unha nova maneira de competir e de expresarse.

"Comecei a debater por casualidade", resume. A súa incorporación ao equipo levouno a conseguir o recoñecemento como mellor orador escolar de Galicia, a dar o salto á universidade e a participar na sociedade de debate da Carlos III. En 2024 foi elixido mellor orador da LEDU e chegou á final do Mundial de Oratoria en Español, onde perdeu por unha diferenza axustada ante o tamén español Alberto García Chaparro.

A elección da historia persoal para a final de Cali respondeu tamén a unha decisión consciente sobre o estilo. "Non escollín falar disto porque sexa o mellor discurso. Persoalmente, creo que, a nivel formal, estilístico e retórico, o discurso libre das semifinais era moito mellor", recoñece. Con todo, considerou que unha historia propia podía axudarlle a conectar co público e contrarrestar o ton máis emocional que esperaba da súa rival.

"Tiña que ir cara a unha historia máis persoal, sen que fose sentimentalismo puro, pero si unha historia coa que puidesen conectar e que, á vez, fose un pouco representativa", explica. A reflexión final trasladaba o episodio da súa adolescencia a un problema cotián: o efecto que poden ter as palabras sobre persoas que non están presentes. "Cantas cousas que dixemos, tamén sen pensalas, lles puideron pechar portas aos demais?", preguntou. A idea quedou resumida nunha frase: "O barata que sae unha frase pequena e o caro que pode saír a contraria".

Comunicar mellor tamén é pensar mellor

Rodríguez non entende a oratoria unicamente como unha ferramenta para convencer. Ao seu xuízo, os beneficios van desde a capacidade de defender unha idea ante un público ata a de organizar o propio pensamento. "Ser un mellor comunicador ten o efecto fundamental de poder ser máis persuasivo en todos os aspectos", afirma.

Pon exemplos que van desde a defensa dun traballo académico ata a presentación dun proxecto profesional. "Cando defendes unha tese de fin de grao, un traballo no instituto, un proxecto ante os teus xefes ou negocias unha rolda de investimento se es emprendedor, tes ferramentas que podes despregar e que che permiten ler mellor a túa audiencia, comprendela mellor e resultar, ou parecer, máis solvente".

Esa capacidade, matiza, non pode substituír o coñecemento. "Nunca é un substituto do fondo. Non por ser bos comunicadores se pode vender fume constantemente, especialmente canto maior sexa o nivel da nosa audiencia". Saber comunicar é, na súa opinión, unha condición necesaria para transmitir unha idea con claridade, pero non suficiente: tamén hai que coñecer aquilo do que se está a falar.

O segundo beneficio está relacionado coa maneira de pensar. "Cando desenvolvemos o costume de comunicar, e sobre todo de comunicar facendo bos discursos e bos debates, tamén estruturamos o noso propio pensamento. Non son cousas distintas pensar e comunicar". Por iso, considera que a práctica permite ser máis analítico, claro e conciso. "Moitas veces sucede que, cando formas unha persoa en comunicación, un líder empresarial, grazas á oratoria consegue saber que quere dicir. Xa non se trata só de dicir ben o que quería dicir, senón tamén de saber con máis claridade o que quere dicir".

Tampouco cre que a facilidade para falar en público dependa exclusivamente do talento natural. Recoñece que inflúen factores como a voz, a presenza física, a capacidade analítica ou a seguridade, pero insiste en que todas as persoas poden mellorar. "Non todos poden, a mellor, gañar un premio de oratoria ou de comunicación, pero desde logo si se pode mellorar moito".

Para conseguilo, identifica tres elementos: coñecer os recursos básicos, practicar e recibir orientación. O primeiro inclúe a estrutura do discurso, a argumentación e a linguaxe non verbal; o segundo resulta especialmente importante para quen sente nervios ou medo escénico. O terceiro consiste en recibir valoracións que permitan identificar os erros. "Ter alguén que saiba máis ca ti, que che poida axudar a mellorar e comentar as túas intervencións, é moi importante".

Más Debate, unha canteira de talento en Lugo

Esa defensa da aprendizaxe está directamente relacionada co seu traballo na Asociación Más Debate, que preside e desde a que promove o pensamento crítico e a oratoria entre a mocidade. Un dos principais proxectos da entidade é Lugo Debate, un torneo que reúne cada ano máis de 200 estudantes de ESO, Bacharelato e universidade de toda Galicia.

Rodríguez destaca que Lugo conta cunha tradición de debate que se foi estendendo entre os centros educativos. "Todo isto comezouno Maristas, un profesor, Manolo Barrero, que empezou facendo os torneos de debate. Foron rapaces dese colexio, que saíron de alí e viñeron ao meu, os que montaron o club no meu instituto, e así se foi pasando dun colexio a outro".

O resultado é unha comunidade de estudantes que consegue destacar en competicións de ámbito estatal. "Temos un montón de xente. En Más Debate organizamos torneos escolares e, por exemplo, Ángel e Carmen, dous rapaces do Ollos Grandes, quedaron entre os 50 primeiros de España na categoría escolar". Para o campión mundial, estes resultados demostran que unha cidade do tamaño de Lugo pode ter presenza destacada nunha disciplina que precisa preparación e continuidade.

A súa propia historia tamén explica a importancia que concede a este traballo. Unha recomendación casual permitiulle descubrir o debate e acceder a oportunidades que non contemplaba. A asociación procura que outros estudantes poidan facer ese mesmo descubrimento, ao tempo que desenvolven habilidades que lles serán útiles dentro e fóra das competicións.

A influencia da familia tamén contribuíu ao seu interese pola comunicación. O seu pai, Juan Carlos Rodríguez, estivo vinculado a Radio Lugo, e a súa nai é profesora. "De pequeno, pasaba as mañás na radio. A min sempre me gustou moito a comunicación e o xornalismo. De feito, en moitos momentos da miña vida me formulei estudar Xornalismo", conta. O seu avó tamén foi político e escritor, polo que a comunicación estivo presente no seu contorno desde a infancia.

"Medrar con libros, medrar falando de actualidade, escoitando e lendo o xornal, é algo importantísimo", engade. Considera que ese hábito lle resultou especialmente útil no debate, onde ás veces só hai quince minutos para preparar unha pregunta. Chegar a ese momento cunha base ampla de coñecementos facilita construír argumentos e responder con criterio.

O campión tamén reflexiona sobre a presenza das mulleres nos postos máis destacados da oratoria. Segundo os datos do circuíto español que manexa, arredor do 60 % das persoas participantes son mulleres, pero nove dos dez mellores oradores dos últimos dez anos foron homes. No Mundial, cinco dos seis campións tamén son homes e, entre os quince primeiros clasificados deste ano, doce son homes.

"Creo que unha das características fundamentais para ser persuasivo é, en certo punto, ter moita seguridade nun mesmo e pouco medo a ser xulgado", apunta. Pregúntase se esa confianza pode estar distribuída de maneira diferente, aínda que aclara que se trata só dunha hipótese. "Pode haber un risco por parte do xurado? Por suposto. Tamén creo que isto da seguridade inflúe, aínda que hai mulleres que comunican fantasticamente e tivemos un montón de mulleres na política ou noutros campos que foron moi persuasivas".

Finanzas, diplomacia e formación

Aínda que a oratoria ocupa unha parte importante da súa vida, Rodríguez non quere limitar o seu futuro á competición. Estuda Economía e Estudos Internacionais, dúas áreas que lle abriron diferentes intereses profesionais. "Pola parte de Economía, o que máis me gustou foron as finanzas e a banca. E pola parte de Estudos Internacionais, a diplomacia e a cooperación".

Ao mesmo tempo, xa desenvolve actividade como formador en universidades e colexios maiores, onde imparte clases de debate e oratoria, e asesora líderes empresariais en comunicación. É unha faceta que quere manter, mesmo se no futuro desenvolve a súa carreira noutros sectores.

"Agora tamén son formador en varias universidades, colexios maiores e demais, dando clases de debate, dando clases de oratoria, tamén asesorando líderes empresariais. Iso é algo que si me gusta e que, aínda que probablemente faga máis cousas, non me gustaría abandonar".

O título conseguido en Colombia reforza así unha traxectoria que comezou por casualidade, medrou grazas á competición e continúa no traballo educativo. Desde Lugo, Rodríguez quere seguir contribuíndo a que máis mozos descubran o valor do debate, non só como unha maneira de falar mellor, senón tamén como unha forma de pensar, escoitar e comprender aos demais.

1.9016110897064