Ourense inaugura unha exposición dedicada ao universo de 'El Señor de los Anillos' polo seu 25º aniversario

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle ata o 1 de novembro unha mostra con pezas a tamaño real, armas oficiais e obxectos de coleccionismo da célebre triloxía cinematográfica, dentro da programación do OUFF · Ourense Film Festival
Exposición Terra do anel Ourense
18 Sep 2026

O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense abriu esta xoves as súas portas á Terra Media coa inauguración de 'Terra do Anel. Unha viaxe entre reinos', unha das propostas máis destacadas da 31ª edición do OUFF · Ourense Film Festival. O acto desenvolveuse na porta lateral do recinto e contou cunha interpretación musical en directo dun tema da banda sonora orixinal da triloxía, a cargo da artista María Mendoza, acompañada de varios actores caracterizados.

Durante a presentación, o presidente da Deputación de Ourense subliñou que a iniciativa reflicte o modelo cultural que impulsa a institución provincial: unha proposta de calidade, aberta ao público e coa vocación de atraer novos públicos, contribuíndo así a proxectar a imaxe de Ourense como territorio vinculado ao cinema e á creación cultural. Engadiu que este tipo de proxectos xeran actividade económica, atraen visitantes e reforzan a proxección exterior da provincia.

O responsable provincial insistiu tamén na vontade de que o festival vaia máis alá das datas concretas da súa celebración e se converta nunha referencia cultural activa durante todo o ano, co obxectivo de que Ourense gañe visibilidade e atraia a quen se achegue motivado por este tipo de experiencias.

Un acto institucional con varias intervencións

A presentación estivo conducida polo director da área de Cultura da Deputación e director técnico do OUFF, quen deu a benvida aos asistentes e repasou o traballo previo para traer o proxecto á cidade.

A continuación, a representante de Júpiter Juegos Ourense avanzou que durante os días do festival se ofrecerán visitas guiadas gratuítas pola exposición, deseñadas para achegar o público ao universo da saga.

O comisario da mostra explicou que a exposición conmemora o 25º aniversario da estrea en cines de 'La Comunidad del Anillo', no ano 2001, e detallou que reúne pezas a escala real, estatuas de calidade museística e armaría orixinal da triloxía, procedentes dunha das coleccións privadas máis relevantes que se poden ver actualmente en Europa.

Pola súa banda, o director do OUFF expresou a súa satisfacción por poder acoller unha mostra que rende homenaxe a unha produción que marcou un antes e un despois para o cinema posterior, e que o paso do tempo situou no lugar que merece dentro da historia da sétima arte. Destacou, ademais, que se trata dunha proposta pensada tanto para o público infantil como para o adulto, e que achega unha forma distinta de achegarse á programación dun festival con espazo para todo tipo de públicos.

Tras as intervencións, unha nova actuación musical deu paso a un percorrido guiado pola exposición, dirixido polo propio comisario, no que os asistentes puideron coñecer con detalle as pezas máis destacadas da colección.

Un percorrido pola obra de Tolkien

Con motivo do 25º aniversario da estrea cinematográfica da saga, a mostra —que permanecerá no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o vindeiro 1 de novembro— propón un itinerario polos pobos, personaxes e escenarios máis representativos da Terra Media. O público poderá observar de preto figuras a tamaño real, esculturas de gran formato e réplicas oficiais de armas e obxectos procedentes tanto de coleccións privadas como dalgúns dos fabricantes de coleccionismo fantástico máis recoñecidos a nivel internacional.

A proposta complétase con visitas guiadas especializadas, organizadas por Júpiter Juegos Ourense, para as que se poderá reservar praza durante a semana do festival.

0.38281798362732