Paro masivo no metal pontevedrés na primeira xornada de folga por un convenio digno

A primeira das seis xornadas de folga convocadas no metal da provincia de Pontevedra saldouse este xoves cun seguimento masivo que paralizou case por completo a actividade en sectores como o naval, os talleres mecánicos e os concesionarios de automoción. Os principais polígonos industriais rexistraron unha actividade mínima nunha mobilización que tamén contou co apoio do comercio do metal, que leva ano e medio co convenio colectivo caducado.
Centos de piquetes informativos percorreron dende primeira hora da mañá distintas empresas e áreas industriais para comprobar o seguimento do paro. As organizacións sindicais denunciaron presións por parte dalgunhas direccións empresariais para dificultar o exercicio do dereito á folga, aínda que a xornada transcorreu sen incidentes destacados pese ao amplo despregamento policial.
A mobilización tivo especial incidencia en Vigo, onde máis de 10.000 persoas marcharon dende os estaleiros de Beiramar até o edificio da Xunta para reclamar melloras laborais e salariais. Tamén houbo manifestacións multitudinarias en Pontevedra, cun percorrido entre Mollabao e a Praza da Peregrina, así como concentracións noutras localidades como Vilagarcía e Lalín.
As protestas continuarán os próximos días 13, 14, 19, 20 e 21 de maio despois de que os sindicatos acusasen á patronal de manter unha “nula vontade” negociadora e de negarse a aceptar avances nas condicións laborais do sector.
A convocatoria fora impulsada inicialmente pola CIG o pasado 21 de abril, á que posteriormente se sumaron CCOO e UGT tras o bloqueo das negociacións tanto no convenio do metal como no do comercio do metal.
Dende a parte sindical insisten en que as propostas empresariais son insuficientes e consideran inasumible un convenio de catro anos cun incremento salarial total do 14%, ao entender que non garante a recuperación do poder adquisitivo fronte á inflación.
Os sindicatos tamén reclaman unha redución real da xornada laboral, medidas efectivas para facilitar a xubilación anticipada, regulación da subrogación do persoal nos cambios de contrata e limitacións á subcontratación para combater a precariedade e a elevada sinistralidade laboral.
Outra das demandas pasa por regular o uso da contratación fixa descontinua e implantar medidas específicas fronte ás altas temperaturas durante o verán, especialmente no sector naval, onde propoñen a implantación da xornada continuada.
No caso do comercio do metal, as negociacións permanecen paralizadas dende xaneiro despois de que os sindicatos abandonasen a mesa negociadora pola intención da patronal de eliminar a cobertura do 100% das baixas por incapacidade temporal dende o primeiro día e modificar complementos salariais consolidados.