Pedro Blanco defende o operativo policial da Coruña e atribúe os disturbios a grupos radicais organizados

O delegado do Goberno eleva a tres os detidos e a trece os axentes feridos tras os altercados rexistrados durante as protestas contra o acto de Santiago Abascal
delegado-do-goberno-pedro-blanco
22 Oct 2026

A Coruña amenceu este xoves tras unha xornada marcada polos enfrontamentos entre manifestantes e a Policía Nacional, que se saldou con tres persoas detidas e trece axentes feridos, segundo o balance actualizado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. Os incidentes comezaron o mércores durante as protestas contra a presenza do líder de Vox, Santiago Abascal, na praza de María Pita e continuaron pola noite con novos altercados no centro da cidade despois da convocatoria dunha nova manifestación antifascista diante da subdelegación de goberno.

Na súa comparecencia deste xoves, Blanco condenou os actos violentos e atribuíunos á actuación de pequenos grupos de radicais organizados que, segundo a súa versión, se infiltraron entre os manifestantes. O representante do Goberno central defendeu o traballo dos axentes e asegurou que a Policía continúa coas investigacións para identificar as persoas responsables dos disturbios.

O delegado tamén rexeitou as críticas recibidas pola planificación do operativo de seguridade. Segundo explicou, tanto Vox como Galiza Nova comunicaran previamente as súas respectivas convocatorias e non existían informes desfavorables que impedisen a súa celebración. Blanco lembrou que as manifestacións non precisan autorización previa, aínda que deben ser comunicadas ás autoridades.

Protestas multitudinarias e cargas policiais

A tensión comezou ao mediodía do mércores, coa coincidencia na praza de María Pita do acto de Santiago Abascal e dunha concentración de rexeitamento convocada por organizacións sociais e xuvenís. Miles de persoas participaron na protesta contra a presenza do líder de Vox, mentres que o acto do partido reuniu varios centos de asistentes.

Os momentos máis tensos producíronse tras a intervención de Abascal, cando se rexistraron lanzamentos de obxectos contra o cordón policial e os axentes antidisturbios realizaron varias cargas para dispersar os manifestantes. Durante os enfrontamentos utilizáronse pelotas de goma e gases lacrimóxenos, segundo as informacións publicadas tras os incidentes.

A actuación policial xerou críticas por parte de organizacións convocantes e de participantes na protesta, que cuestionaron a proporcionalidade das cargas. Pola súa banda, a Delegación do Goberno sostén que as intervencións responderon ás agresións contra os axentes e aos episodios violentos rexistrados na praza.

Movemento Sumar Galicia-Fronte Ampla denunciou a que considera unha actuación policial desproporcionada durante as mobilizacións celebradas na Coruña contra a presenza de Santiago Abascal. O secretario xeral da formación en Galicia, Paulo Carlos López, destacou que milleiros de persoas saíron á rúa para rexeitar os discursos de odio e criticou que os altercados protagonizados por unha minoría poidan eclipsar o carácter maioritariamente pacífico da protesta. A organización condenou o lanzamento de obxectos, as agresións e a queima de mobiliario urbano, pero advertiu de que estes comportamentos non deben servir para criminalizar o conxunto das persoas manifestantes.

A polémica pola actuación policial tamén xerou reaccións noutras formacións políticas. Tanto o BNG como o PSOE, coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, á fronte da resposta socialista na cidade, condenaron o sucedido e expresaron o seu rexeitamento aos incidentes. Neste contexto, Movemento Sumar Galicia-Fronte Ampla reclamou á Delegación do Goberno explicacións sobre o dispositivo de seguridade, os criterios aplicados durante as cargas policiais e as actuacións que provocaron lesións. Ademais, pediu unha investigación rigorosa para esclarecer os feitos e determinar as posibles responsabilidades. López reivindicou tamén a Fronte Ampla como unha ferramenta para frear o avance da ultradereita en Galicia e defendeu a necesidade de protexer o dereito de manifestación e a convivencia democrática.

Novos altercados durante a noite

A situación non quedou resolta tras os incidentes do mediodía. Durante a tarde e a noite do mércores, arredor de 2.000 a 2.500 persoas participaron nunha nova mobilización para protestar contra a actuación policial. A concentración derivou tamén en enfrontamentos entre algúns grupos de manifestantes e os antidisturbios.

Os altercados estendéronse por diferentes rúas do centro, xa que a manifestación trasladábase da subdelegación a delegación de goberno, onde se levantaron barricadas e se incendiaron contedores. A Policía volveu intervir para dispersar os grupos implicados nos incidentes e o balance dos danos materiais inclúe 27 contedores queimados.

A xornada abriu un novo debate sobre a planificación do dispositivo policial e a resposta das autoridades ante as protestas. Mentres o delegado do Goberno defende a actuación dos axentes e insiste na responsabilidade dos grupos violentos, varias organizacións reclaman explicacións polo desenvolvemento das cargas. A investigación continúa aberta para esclarecer os feitos e determinar as responsabilidades correspondentes.

3.0221002101898