Pontevedra lembra a Alexandre Bóveda no Día da Galicia Mártir

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este luns no Museo de Pontevedra no acto de depósito das cascas do piñeiro da Caeira, en Poio, fronte ao que foi asasinado Alexandre Bóveda en 1936. Os restos foron colocados ante o cadro “A derradeira leición do mestre”, de Castelao, nunha iniciativa organizada pola institución provincial xunto coa Fundación Alexandre Bóveda e coa participación da Fundación Castelao, con motivo do Día da Galicia Mártir.
Domínguez lembrou que a represión franquista non afectou unicamente a Bóveda, senón tamén a numerosas persoas coñecidas e anónimas das que, segundo sinalou, “durante demasiado tempo apenas se falou”. O vicepresidente provincial afirmou que “Alexandre Bóveda foi asasinado por amar Galicia e iso foi unha enorme inxustiza, con el, coa súa familia e os seus amigos, e unha inxustiza para Galicia, que perdeu un dos seus membros máis destacados”.
Os fragmentos do piñeiro fronte ao que foron fusilados Alexandre Bóveda, Víctor Casas, Amancio Caamaño, José Adrio, Germán Adrio, Telmo Bernárdez, Paulo Novás, Ramiro Paz, Luis Poza, Benigno Rey e Juan Rico foron recollidos e conservados pola viúva de Bóveda, Amalia Álvarez.
A súa filla, Amalia Bóveda, depositou por primeira vez estas cascas diante do cadro de Castelao, que permanece exposto no Museo de Pontevedra ata o 27 de setembro. A obra foi creada a partir do fusilamento de Bóveda e como homenaxe aos mártires galegos.
O vicepresidente provincial referiuse tamén á figura de Castelao, “exiliado para non correr a mesma sorte”, e lembrou que presentou “A derradeira leición do mestre” un 17 de agosto. Segundo explicou, o cadro “reflexaba o horror e a dor ante a figura do seu amigo, tendido no chan, recentemente asasinado”, pero tamén permitía “ver a esperanza nun futuro mellora para Galicia, unha Galicia democrática e libre”.
Domínguez destacou os avances alcanzados desde aquela época, aínda que considerou que “quizais non tan rápido como deberiamos”. Nese sentido, apuntou que hai unhas décadas era impensable celebrar un acto destas características ou contar coa presenza dunha persoa do seu partido político nunha homenaxe como esta.
Porén, advertiu de que “non podemos autocompracernos nin durmirnos” e referiuse a situacións actuais que, ao seu xuízo, lembran “demasiado aos anos previos ao 36”. Ante estas circunstancias, defendeu que os responsables políticos deben “non mirar para outro lado” e actuar na defensa da democracia, a liberdade e a convivencia, así como combater as políticas que pretendan dividir ou negar a dignidade doutras persoas.
Rafa Domínguez enmarcou o acto na “absoluta normalidade” e no “profundo orgullo de saber que estamos contribuíndo a reparar, aínda que sexa só en parte, a inxustiza que se cometeu fai agora 90 anos, a poucos metros de aquí”.
“O noso deber é darlles voz a Bóveda e todas as vidas das que apenas queda memoria, porque facelo é un acto de memoria e un acto de xustiza”, concluíu.
Tras o acto celebrado no Museo de Pontevedra, o vicepresidente da Deputación asistiu tamén á homenaxe institucional polo Día da Galicia Mártir ante o monumento a Alexandre Bóveda na Caeira, organizada pola Fundación Alexandre Bóveda e o Concello de Poio.