Pontón chama a unha gran mobilización pola sanidade pública

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo este sábado un chamamento á mobilización da sociedade galega en defensa da sanidade pública, sumándose á convocatoria de SOS Sanidade Pública para a manifestación do domingo 6 de abril. Pontón advertiu que “a sanidade pública galega está en situación crítica como consecuencia directa da política de recortes, abandono e privatizacións impulsada polo PP, tanto con Rueda como anteriormente con Feijóo”.
“Temos que mobilizarnos para defender unha das grandes conquistas sociais, como é a sanidade pública”, sinalou Pontón. Denunciou que durante os últimos dezaseis anos, este servizo esencial “leva soportando recortes e privatizacións que pagamos todas e todos”.
Segundo a líder do BNG, o PP está a desenvolver unha “estratexia de acoso e derribo contra a sanidade pública” para facer negocio coa saúde da xente. “Galiza é unha das comunidades con menor investimento en atención primaria e cunha das peores listas de espera do Estado”, engadiu.
Pontón puxo exemplos como os 11.000 nenos e nenas sen médico asignado, as esperas para unha proba ou unha cirurxía, e o 23% da poboación que, segundo unha enquisa do Ministerio de Sanidade, non recibe atención médica cando a necesita. “Detrás de cada número hai unha persoa angustiada, preocupada, moitas veces en situacións graves”, subliñou.
Para o BNG, esta situación é froito dunha decisión política do PP de recortar o público, precarizar o persoal sanitario e favorecer o negocio privado. Un contexto que está a xerar un clima de desesperación entre pacientes e profesionais da sanidade.
O BNG fai un chamamento á cidadanía galega para saír á rúa este domingo en defensa dunha sanidade pública, universal, digna e de calidade. “Non podemos permitir que o dereito á saúde sexa convertido nun luxo. O 6 de abril, todas e todos á manifestación!”, concluíu.