Pontón pide que a mobilización masiva da folga se traslade ao voto ao BNG

“Lixo é a política do PP neste País poñendo o negocio por diante do dereito á vivenda”, denuncia a voceira nacional
presentacion-cabezas-de-lista-bng
12 Nov 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, amosou o enorme orgullo do BNG ante a mobilización masiva da cidadanía galega na folga xeral, unha mobilización que pediu se traslade ás urnas nas eleccións xerais votando ao BNG, por Galiza e por unha vida digna.

“Onte os galegos e galegas demos unha lección de dignidade, demostramos que somos un pobo de xente comprometida, con traballadores e traballadoras, mozos e mozas e pensionistas unidos en grandes mobilizacións que deixan claro que neste País as cousas están cambiando”, destacou, para mostrar a continuación o seu convencemento de que esta gran mobilización social “vaise deixar sentir nas urnas o próximo 29N cun gran apoio ao BNG”.

Así o manifestou no acto de apertura da campaña das eleccións xerais que o Bloque celebrou en Santiago e no que tamén participaron as cabezas de lista por Pontevedra, Lugo e Ourense, Carme da Silva, Olalla Rodil e Noa Presas, respectivamente, e a número 2 pola Coruña, Rosana Pérez (dado que o cabeza de lista, Néstor Rego, participaba este xoves na Deputación Permanente do Congreso).

Pontón explicou que o BNG representa o “espírito” das mobilizacións da folga xeral, a defensa “do dereito a unha vida digna” en Galiza, da vivenda como “un dereito e non un privilexio", duns salarios e unhas pensións “dignas” e dun futuro para unha mocidade que non pode converterse nunha xeración que “viva peor que os seus pais”.

“Todo isto é o que representa a nosa candidatura e a nosa papeleta e se unimos todo ese voto rebelde e inconformista no BNG, o 29 de novembro imos ter motivos para sorrir e faremos historia”, afondou.

Pontón denunciou os ataques do PP de Feijóo durante as xornadas previas da folga a quen defende unha vida digna, “facendo o que mellor se lle dá, insultar e criminalizar”. “Escoitamos cousas como que esta folga estaba convocada por unha mafia, mesmo faláronos de lixo, pero a única mafia que hai é a que quere converter un dereito fundamental como é a vivenda nun negocio, que son eses fondos voitre que está defendendo o Partido Popular”, recriminou, para engadir que “se hai lixo, é a política que fixo o Goberno do PP neste País durante os últimos 17 anos, que en vez de defender o dereito á vivenda, defendeu a especulación”.

Fronte aos que priorizan “a especulación e a avaricia duns poucos sobre o benestar da maioría”, a líder nacionalista defendeu a proposta do BNG de cara ao 29N para darlle “forza e peso político a Galiza e aos galegos e ás galegas” e para construír “un futuro mellor” avanzando en dereitos e vida digna.

“Temos que facer deste 29 de novembro unha mobilización na que os galegos e as galegas digamos que queremos estar con voz propia en Madrid, que queremos defender os nosos dereitos e que imos apostar polo BNG, que é a alternativa fronte ao que significa o bipartidismo”, remarcou.

Neste sentido, recordou que o Bloque fixo cun deputado e unha senadora máis por Galiza que o resto de deputados e deputadas ao servizo das forzas estatais, mais non se conforma con isto, porque “os problemas deste País non pode seguir eternamente na lista de espera e teñen que pasar á lista de asuntos prioritarios”.

“E para que o que nos afecta aos galegos e ás galegas sexa prioritario en Madrid, temos que facernos valer coa papeleta do BNG, tendo máis peso político e facendo que o noso voto serva para defender os intereses deste País e que consigamos realmente avanzar en solucións aos problemas que están lastrando o noso futuro”, afondou.

Por iso, apelou a que os galegos e as galegas voten “polo equipo da casa”, pola forza política que os vai defender ante todo e que vai antepoñer a defensa dos dereitos e das liberdades a calquera outro tipo de intereses.

Nunha campaña na que, augurou, van querer que se vote con medo e na que se vai tentar redobrar a aposta polo bipartidismo, Pontón chamou a “votar con ilusión, con confianza en Galiza” enchendo as urnas de votos BNG, a “forza política que defende os intereses do País.

“Hai que votar pola forza política que defende Galiza, que vai facer valer este país e que nos fai gañar peso político, o que é fundamental para que aquí teñamos máis futuro, así que imos a por todas!”, concluíu.

Defensa de Galiza e das maiorías sociais

Pola súa parte,  Carme da Silva defendeu que a política debe ter como obxectivo dar resposta aos problemas reais da cidadanía e mellorar as condicións de vida das maiorías sociais. Lembrou que esa foi precisamente a esixencia que se fixo sentir onte nas manifestacións polas rúas e prazas das cidades e vilas do país.

Da Silva apuntou que a xente precisa empregos estables e salarios dignos que permitan vivir, acceso a unha vivenda na que construír un fogar e pensións que garantan tranquilidade e seguridade despois de toda unha vida de traballo. Tamén reivindicou o papel da política para garantir unha sanidade e unha educación públicas, os coidados e a igualdade.

A cabeza de lista por Pontevedra subliñou que esta é a maneira de entender e practicar a política do BNG: con honradez, contido e propostas comprometidas coas maiorías sociais, coa defensa dos intereses de Galiza e da súa capacidade para facerse valer e respectar.

Rosana Pérez salientou pola súa banda que cando Galiza ten voz propia, nótase.  “O 29 de novembro temos unha oportunidade para que esa voz propia de Galiza se faga escoitar con máis forza en Madrid, porque cando Galiza ten voz propia, gañamos todos e todas”, subliñou.

Nesta liña, reivindicou o traballo realizado nos últimos anos por Néstor Rego e Carme da Silva, que trouxo melloras concretas para a sociedade galega, como a transferencia e os descontos da AP-9, a suba das pensións mínimas por riba do IPC, a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade ou avances para mellorar o ferrocarril e os servizos de proximidade en Galiza. “Agora toca dar un paso máis e multiplicar esa forza”, remarcou.

A cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, destacou a enorme ilusión do BNG á hora de conseguir escanos polas provincias do interior. “Romper eses teitos que nos quixeron impoñer e que imos rachar este 29N coa vontade de darlle, no meu caso, máis voz, máis forza e máis peso político a Lugo”, avanzou.

Rodil amosou a confianza do Bloque na capacidade e potencialidades que ten Galiza e que nas mobilizacións desta folga xeral se mostrou como un “País vivo”, que ten moita esperanza, que está orgulloso de si mesmo e que defende os servizos públicos e a igualdade. “Pedimos a esa Galiza que onte se viu con máis viveza e máis forza que nunca nas rúas que confíe en nós porque non lles imos fallar”, sintetizou.

Pola súa parte, Noa Presas indicou que este 29N é unha oportunidade histórica, porque Ourense ten ante si a posibilidade de facerse valer co BNG e romper con 50 anos de bipartidismo que nada fixo para darlle futuro e desenvolvemento.

Neste sentido, apelou ao voto de todas as persoas que queren que Ourense teña futuro, votasen o que votasen noutros momentos. “É o momento de cambiar o guión, de reclamar as oportunidades que merecen e demostrar que Ourense non está condenado a perder poboación, servizos e expectativas de futuro”, sinalou, para concluír que “Ourense merece moito máis” e que o Bloque vai facer que se saiba en Madrid.

1.1655249595642