Pontón pide unir no BNG o voto galego o 29N para darlle máis forza a Galicia

Da Silva acusa a Feijóo de dinamitar a política pública de vivenda na Xunta e ao PSOE de gastar máis en mísiles que en garantir un dereito básico
presenetacion-candidatura-bng-pontevedra
3 Nov 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou en Vigo a unir o voto galego no BNG nas eleccións xerais do próximo 29N para darlle máis forza a Galiza e para gañar en dereitos e vida digna.

“Desde o BNG apelamos a concentrar todo o voto galego, todo o voto inconformista, todo o voto da xente que está farta de que se gaste máis en política militar que en política social”, afirmou, para remarcar a continuación que é preciso unir todo ese voto na papeleta do Bloque “para que Galiza se faga valer”, para “avanzar en dereitos” e para “defender unha vida digna” para os galegos e as galegas.

Para todo iso vale a papeleta do BNG, engadiu Pontón, quen avanzou que quedan días intensos por diante nos que a formación nacionalista vai a seguir explicando as súas alternativas e propostas dende o convencemento de que un gran resultado electoral para o Bloque “é a mellor maneira de defender a vida da xente deste País”.

Así o adiantou en Vigo no acto de presentación da candidatura nacionalista por Pontevedra, xunto á cabeza de lista ao Congreso por esta provincia, Carme da Silva, nun acto no que tamén participou o portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas.

A líder nacionalista lanzou tres mensaxes claras de cara ao próximo 29N. A primeira, é que Galiza se xoga o seu peso político nestas eleccións, consciente de que para que os problemas que ten o País teñan solución, precisa ter máis forza en Madrid.

“Se os galegos e as galegas queremos solucións ante os problemas que temos de transportes, de infraestruturas e queremos máis investimentos, temos que gañar peso político e a forma de facelo é apoiando a candidatura do BNG, que ten as mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas”, recalcou.

Neste sentido, recordou que cun só deputado e unha senadora, a formación nacionalista conseguiu impulsar a axenda galega no Estado, logrando avances que benefician a miles de galegos e galegas, como as rebaixas na AP-9 e a AP-53, melloras no ferrocarril, nas pensións e no salario mínimo ou unha quita de 4.000 millóns de euros da débeda pública de Galiza.

“Pero evidentemente, todo isto non chega, necesitamos gañar máis peso político para que Galiza non sexa discriminada cando ten moitas necesidades que atender”, sintetizou.

A segunda mensaxe que lanzou é que o BNG é a alternativa de toda a xente que quere “ampliar dereitos e liberdades”, nun momento moi complexo, onde hai grandes intereses económicos que queren que, por exemplo, a saída á actual crise de prezos sexa unha saída reaccionaria.

“Desde o BNG o que dicimos é que nun momento no que vemos como hai un problema gravísimo de acceso a vivenda, no que o custo da vida cada vez é maior, temos que empuxar para que realmente haxa unha alternativa que poña no centro a vida das persoas e que se tomen medidas reais e eficaces para buscar solucións aos problemas que hoxe lle quitan o sono a moita xente no noso país”, afondou.

Neste contexto, e en terceiro e último lugar, a portavoz nacional incidiu na necesidade de concentrar todo o voto galego na papeleta do BNG para que os galegos e as galegas teñan os investimentos e as infraestruturas que lles corresponden, mais tamén para avanzar en dereitos e liberdades e desenvolver políticas valentes que garantan unha vida digna.

Políticas de vivenda

Pola súa banda, Carme da Silva foi especialmente dura sobre a política de vivenda dos principais partidos centralistas madrileños. Acusou o PP de Feijóo de ter “dinamitado a política pública de vivenda” durante a súa etapa á fronte da Xunta, paralizando a construción de vivenda protexida, boicoteando as zonas tensionadas, non mobilizando a vivenda baleira e favorecendo a proliferación de pisos turísticos.

Como exemplo desta situación puxo o foco en Vigo, onde cifrou en milleiros de vivendas destinadas a uso turístico fronte a unha oferta de apenas 300 pisos para alugueiro residencial, mentres 11.652 persoas agardan por unha vivenda protexida, segundo o último dato oficial. “Terá a cara dura Feijóo de dicir que sabe construír vivenda sen poñerse colorado?”, cuestionou.

A candidata tamén responsabilizou o PSOE de manter unha política de vivenda insuficiente, baseada en decretos aprobados “nos minutos de desconto” mentres a promoción de vivenda pública continúa a ser “pouco máis ca un eslogan”. Para evidenciar as verdadeiras prioridades do Goberno central, contrapuxo os 8.254 millóns de euros en gasto militar aprobados polo Consello de Ministros entre o agosto e outubro deste mesmo ano fronte aos 201 millóns destinados ao programa Casa 47 nese mesmo período.

“En dous meses aprobaron máis de 8.254 millóns para gasto militar e apenas 201 para vivenda. Os números deixan claro que se gasta moitísimo máis en mísiles e tanques que en garantir un dereito básico”, denunciou. Fronte a esta política, defendeu que “desde o BNG témolo claro: os cartos públicos dos galegos e galegas teñen que ser para vivir con dignidade e non para alimentar o monstro da guerra”, polo que pediu dar o salto a ter máis peso político como nación con capacidade para “obrigar a cumprir os compromisos con Galiza”.

Pola súa parte, Pérez Igrexas subliñou que no obxectivo de lograr un BNG aínda máis determinante no Congreso, as viguesas e vigueses “van ter un papel fundamental”. Neste sentido, explicou que a cidade ten un peso moi relevante nas candidaturas cara ao 29N, con Roberto Pascual -“un acreditado referente cultural e cun continuado compromiso social e en prol da diversidade”, salientou- e con Anxo Iglesias, ao que se refereiu como “un destacadísimo activista, no movemento veciñal, no sindical e tamén na loita pola vivenda”.

Roberto e Anxo, engadiu, estarán acompañados pola “forza imparábel da mocidade viguesa que non se resigna”, representada polas compañeiras e compañeiros Nuno Galán, Iria Costas e Alexandre Basteiro.

“Persoas capaces, honestas e comprometidas, que estou certo van dar o mellor de si propias para levar a voz das viguesas e vigueses a Madrid e para defender os intereses das clases populares e traballadoras”, concluíu.

0.36166501045227