Pontón pregunta a Rueda se Galicia é o banco de probas dos recortes nas baixas laborais

A portavoz nacional, Ana Pontón, preguntou desde Marín ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se ten instrucións desde a rúa Génova para converter Galiza no “banco de probas” dos recortes nas baixas e nos dereitos laborais da clase traballadora que o PP “quere estender se goberna no Estado”.
Pontón amosou a preocupación do BNG ante un PP que, de novo, está “querendo recortar dereitos aos traballadores e traballadoras”, logo da proposta “indecente” do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que quere que “a xente traballadora que está enferma non poida coller o seu dereito a baixa”, que pretende que “unha persoa, polo feito de estar enferma, cobre menos” e que mesmo cualificou as baixas laborais como un “cancro”.
En declaracións aos medios no acto de presentación de Lucía Santos como candidata do BNG á Alcaldía de Marín nas eleccións municipais de 2027, a líder nacionalista criticou a Rueda que actuase como “avanzadilla” e iniciara unha campaña contra o dereito á saúde cando a baixa laboral é “un dereito que gañaron os traballadores e as traballadoras”.
A portavoz nacional advertiu que o PP está desenvolvendo esta ofensiva “con mentiras e manipulacións” e acusou a Rueda e a Feijóo de estar “confundindo deliberadamente absentismo con baixas laborais” para enganar á cidadanía cando todo o mundo sabe que “son dous conceptos diferentes”.
“O que me pregunto é se o señor Rueda ten instrucións desde Génova 13 para facer de Galiza o banco de probas dos recortes que o Partido Popular quere estender se goberna no Estado”, cuestionou ao titular do Executivo galego, ao que recordou que “Galiza é a comunidade do Estado que ten menos baixas”.
“Non necesitamos recortar dereitos dos traballadores e traballadoras, senón que o que precisamos é que o señor Rueda faga o seu traballo”, incidiu, para advertir a continuación que se as baixas duran máis non é por responsabilidade da clase traballadora, senón dun presidente da Xunta que “ten o sistema sanitario colapasado” e sen recursos para poder axilizar probas médicas.
“O que hai que recortar non son os dereitos dos traballadores e das traballadoras, senón que o que hai que recortar son as listas de espera que temos na nosa sanidade pública”, remarcou, para criticar a continuación ao PP que cuestione a profesionalidade das e dos médicos, que son quen dan as baixas laborais.
Logo de incidir na necesidade de que Rueda aclare se recibe instrucións do PP de Madrid para que Galiza sexa o banco de probas “dos recortes nos dereitos laborais”, Pontón avanzou que o BNG vai seguir defendendo o dereito á saúde da clase traballadora que, subliñou, “implica que, se estás enferma, tes dereito a coller unha baixa”.
A líder nacionalista tamén se referiu aos incidentes rexistrados onte no sistema ferroviario galego que provocan fallos e retrasos no funcionamento do servizo, polo que exixiu ao ministro de Transportes, Óscar Puente, que, ademais de desculparse coas persoas afectadas, dea explicacións do que está pasando e ofreza unha solución a un problema “que se repite demasiadas veces”.
Neste sentido, reclamou medidas para que a catenaria non falle con tanta frecuencia e un maior investimento en mantemento, cuestión esta última que considerou clave para asegurar o bo funcionamento do servizo ferroviario.
Ademais, avogou por modificar os sistemas de información e atención á cidadanía cando se produzan incidencias, mellorando os protocolos informativos para que as persoas usuarias non teñan que esperar durante horas.
“Non é normal, e moito menos en pleno verán, que non haxa sistemas alternativos de transporte para as persoas afectadas que están durante horas atrapadas no ferrocarril, porque se se informara con maior rapidez dos problemas e se lles dera unha alternativa, non habería estas esperas”, afondou.
Pontón recalcou que estes fallos “non se poden seguir repetindo”, polo que urxiu ao Goberno central solucións. “Hai que poñer solucións, porque queremos un ferrocarril do século XXI que funcione e que estea en perfecto mantemento”, concluíu.