Pontón reivindica o traballo do BNG para lograr unha AP-9 galega e libre de peaxes

A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou o traballo do BNG ao longo dos últimos anos para conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes, un obxectivo que terá un gran avance coa votación da Lei de Transferencia este xoves no Congreso.
“Coa votación da Lei de Transferencia este xoves no Congreso damos un gran paso adiante para conseguir unha AP-9 galega e facémolo grazas ao BNG e a pesar do Partido Popular de Rueda, que volve traizoar a Galiza votando en contra”, recalcou nunha rolda de prensa na que evidenciou como o PP volve a demostrar que é “o Partido Popular do ‘Non’ a Galiza’”. “Desta vez de ganchete con Vox, unha auténtica vergoña e un esperpento”, sintetizou.
Pontón recordou que foi o BNG quen elaborou e impulsou a primeira Lei de Transferencia da AP-9 aprobada no Parlamento -sen tirar nunca a toalla porque se tiveron que aprobar até cinco textos lexislativos para enviar ao Congreso- e tamén a forza política que traballou no ámbito social, “man a man con miles de galegos e galegas”, fartas dunhas peaxes que “son unha auténtica estafa legalizada” que está lastrando as economías familiares e que inciden negativamente na competitividade das empresas galegas.
Neste traballo de anos cara a unha autoestrada galega e libre de peaxes, o Bloque tamén conseguiu a través do acordo de investidura co Partido Socialista “bonificacións históricas” nas peaxes que posibilitan a miles de galegos e galegas pagar “moitísimo menos” por esas taxas, afondou a líder nacionalista, quen recordou que, en todo caso, o obxectivo segue a ser “conseguir unha AP-9 libre de peaxes”.
“Todo isto fixémolo porque nós debémonos a Galiza, aos galegos e ás galegas”, recalcou, para subliñar a continuación que o BNG nunca deixou de pelexar por unha AP-9 galega e libre de peaxes, obxectivo cara ao que se dará “un paso importante” coa aprobación no Congreso da Lei de Transferencia.
Neste sentido, recalcou que o debate da AP-9 “deixa claro que o BNG é a voz de Galiza en Madrid”, a única forza que “nunca se equivoca de bando” porque non ten máis bando que o de Galiza e o dos galegos e das galegas, “goberne quen goberne en Madrid”.
Pontón recordou que “a estafa da AP-9” é responsabilidade do bipartidisimo, primeiro do PSOE de Felipe González e despois do PP de José María Aznar, que decidiu ampliar 25 anos a concesión “e non contento con isto, decidiu privatizala a prezo de saldo”, coa conivencia do “Partido Popular en Galiza”, advertiu.
A oposición do PP á transferencia da autoestrada agora no Congreso, alegou, confirma que a palabra de Rueda “non vale nada”, xa que di querer o traspaso pero logo o boicotea “con escusas de mal pagador” demostrando que “só estaba enganando á cidadanía e facendo da AP-9 un elemento máis desa oposición cutre que lle marca Génova”.
Unha posición que tamén confirma a “inutilidade do Partido Popular” para defender Galiza en Madrid porque, argumentou, “Rueda pon os intereses do PP por diante dos do País”. “Non quere máis competencias e prefire que decidan por nós desde Madrid para que gañe Madrid e perda Galiza”, resumiu.
A líder nacionalista lamentou que “o PP do ‘Non’ a Galiza” non soporte a comparación entre a súa incapacidade para conseguir nada e un BNG que é útil para defender os intereses dos galegos e das galegas, de aí que boicotee a transferencia da AP-9 como segue boicoteando a rebaixa de 4.000 millóns de euros na débeda pública galega, que tamén acadou o Bloque.
“Como o consigue o BNG, actúa como o can do hortelano, nin come, nin deixa comer”, afirmou Pontón, quen pediu a Rueda que explique á cidadanía por que o PP vai vontar en contra do traspaso da autoestrada nunha nova traizón a Galiza e por que antepón os seus intereses partidistas aos dos galegos e galegas.
A portavoz nacional recordou neste punto que o acordo do BNG co Goberno central recolle os elementos esenciais do acordo do Parlamento galego, xa que inclúe a transferencia da titularidade da AP-9, todas as competencias na xestión da infraestrutura -incluída a posibilidade de novas bonificacións-, así como que o Estado é responsable economicamente de todas as decisións que adoptou sobre ela.
“É dicir, que o Estado ten que transferir todos os recursos que neste momento custan as bonificacións que ten a AP-9 e que tamén, no caso de que, e esperemos que así sexa, o Tribunal Europeo verifique que a concesión se fixo en fraude de lei, é o Estado quen ten que pagar polo rescate da autoestrada”, recalcou.
Nesta liña, indicou que a proposta de transferencia tamén respecta o autogoberno de Galiza, xa que a concreción da mesma terá que facerse na Comisión Mixta de Transferencias e, polo tanto, o Goberno do PP é que ten que negociar nesa comisión como se concreta o que se aprobe na lei.
Pontón recordou que se non fose pola prórroga ilegal concedida polo goberno de Aznar até 2048, hoxe os galegos e as galegas xa levarían anos circulando por unha AP-9 libre de peaxes. “Seguimos pagando esta estafa por responsabilidade do Partido Popular, o Partido Popular da traizón a Galiza”, afirmou, para dirixirlle unha pregunta moi clara a Rueda.
“Cando este xoves o Congreso aprobe a Lei de Transferencia da AP-9, que vai facer o presidente da Xunta? Vai dicir que non a quere e boicoteala? Vai a rexeitala como está rexeitando a quita de 4.000 millóns da débeda pública de Galiza negociada polo BNG? Seguirá instalado no seu ‘Non’ a Galiza traizoando a este País?”, cuestionou, para indicar que isto é o que ten que explicar aos galegos e galegas e concluír pedindo a Rueda que “rectifique” e que este xoves vote a favor da transferencia da AP-9 “porque é evidente que este é un gran paso para este País”.