Presentada unha nova edición da Festa do Percebe do Roncudo

Trátase dunha cita consolidada no calendario gastronómico galego, que se celebrará o 18 de xullo e que contribúe á promoción dun dos produtos do mar máis emblemáticos de Galicia
festa-do-percebe-do-roncudo-presentacion
10 Jul 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou hoxe na presentación da XXXIV edición da Festa do Percebe do Roncudo, unha cita consolidada no calendario gastronómico galego, que se celebrará o 18 de xullo e que contribúe á promoción dun dos produtos do mar máis emblemáticos de Galicia e ao recoñecemento do labor das persoas profesionais do mar.

Durante a súa intervención, Isaac Rosón puxo en valor o papel deste tipo de iniciativas para achegar á cidadanía a calidade dos produtos pesqueiros galegos, favorecer o seu consumo e dinamizar economicamente os municipios costeiros. Neste sentido, salientou o compromiso da Xunta co impulso do sector pesqueiro e marisqueiro, así como coa promoción dos alimentos do mar capturados e producidos nas distintas rexións costeiras baixo criterios de calidade, sustentabilidade e respecto polo medio mariño.

O director xeral subliñou tamén o traballo das persoas percebeiras, “cuxo coñecemento do medio e profesionalidade permiten ofrecer un produto de máxima calidade, convertido nun referente da gastronomía galega tanto dentro como fóra de Galicia, ademais de ser unha oportunidade para divulgar a cultura mariñeira e o patrimonio vinculado á actividade extractiva na Costa da Morte”.

0.34796690940857