Preto de 370 mulleres da provincia incorpóranse esta semana ás novas actividades de +Xuntas

A Deputación de Pontevedra destina preto de 700.000 euros ao programa, que este ano contempla 207 obradoiros en entidades de 53 concellos.
Deputacion de Pontevedra
4 Oct 2026

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana co desenvolvemento da nova edición de +Xuntas, o programa provincial destinado a apoiar o crecemento persoal e profesional das mulleres e a fortalecer as redes de colaboración entre as entidades asociativas. Entre o luns 5 e o venres 9 de outubro, preto de 370 mulleres de diferentes municipios da provincia incorporaranse ás novas actividades formativas.

A programación abrangue colectivos de Arbo, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Cangas de Morrazo, A Cañiza, A Estrada, O Grove, Lalín, Mos, Meis, Ponteareas, Ribadumia, O Rosal, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, con propostas que van desde o deporte e o benestar ata a artesanía, a dixitalización ou o coñecemento do medio natural.

As primeiras actividades comezaron este luns con cursos de pilates, arte floral, artesanía en coiro, conservación de alimentos, musicoterapia e risoterapia. Ao longo da semana tamén se incorporarán formacións sobre redes sociais, plantas medicinais, ioga, pintura, alfabetización dixital, autoestima e comunicación asertiva.

Entre as iniciativas previstas atópanse, por exemplo, obradoiros de alfabetización dixital en Cangas de Morrazo, de autoestima e comunicación asertiva en Arbo, de pintura no Grove ou de risoterapia en Valga. Tamén se desenvolverán cursos de plantas medicinais en Mos, A Estrada e Sanxenxo, así como diferentes propostas de arte floral en Vilanova de Arousa, Sanxenxo, A Estrada e Caldas de Reis.

207 accións formativas en 53 concellos

O programa +Xuntas conta cun investimento da Deputación de Pontevedra de preto de 700.000 euros para os anos 2026 e 2027. A iniciativa contempla cada ano máis de 200 actividades destinadas a entidades sen ánimo de lucro da provincia que traballan no desenvolvemento e empoderamento das mulleres.

Nesta edición están programadas 207 accións formativas en colectivos de 53 concellos, agrupadas en catro grandes áreas: +Tecnoloxía, +Creatividade, +Natura e +Saúde.

Cada formación ten unha duración de 35 horas e incorpora un módulo específico de sensibilización en materia de igualdade. Ademais, a perspectiva de igualdade está presente de maneira transversal no conxunto dos contidos.

A través deste programa, a institución provincial busca favorecer a adquisición de novas habilidades, promover a participación das mulleres no tecido asociativo e crear espazos de encontro nos que compartir coñecementos, experiencias e iniciativas.

0.27580189704895