Produart abre en Burela a súa 24ª edición como escaparate da produción artesanal e ecolóxica

A feira reúne durante a Feira do Bonito propostas vencelladas ao mar, á terra e aos oficios tradicionais co respaldo da Deputación e da Fundación Expomar
Burela-Produart-2026
1 Aug 2026

Burela deu este venres o pistoletazo de saída á XXIV Feira dos Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos (Produart), unha cita consolidada dentro da programación da Feira do Bonito e que volve converter a Nave de Redes nun punto de encontro para produtores, artesáns e visitantes.

A inauguración contou coa participación da presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, Carmela López, acompañada polo xerente da Fundación Expomar, José Manuel González, así como por representantes institucionais e alcaldes da comarca da Mariña.

Durante a apertura, Carmela López puxo en valor a traxectoria dunha feira que suma xa vinte e catro edicións e que, segundo destacou, continúa medrando grazas ao esforzo das persoas e entidades que traballan cada ano para facer posible a súa organización. A rexedora subliñou que Produart naceu co propósito de dar visibilidade ao labor dos artesáns e artesás, dos produtores ecolóxicos e de todos aqueles profesionais que contribúen a manter vivos os produtos ligados ao mar e á terra.

A presidenta da Deputación tamén incidiu na importancia de que Produart se celebre coincidindo coa Feira do Bonito, ao considerar que ambas iniciativas reflicten a identidade dun municipio estreitamente vinculado á actividade mariñeira, pero tamén ao aproveitamento dos recursos do territorio e ao traballo artesanal.

Na súa intervención, López destacou o papel que desempeñan este tipo de eventos na dinamización económica da comarca. Ao seu xuízo, feiras como Produart favorecen a actividade comercial, atraen visitantes e ofrecen novas oportunidades a sectores como a artesanía e a produción ecolóxica, contribuíndo á súa continuidade e proxección.

Así mesmo, reafirmou o compromiso do Concello de Burela e da Fundación Expomar por seguir impulsando unha feira que, edición tras edición, se consolidou como un dos principais escaparates para os produtos locais e un referente dentro da programación estival da Mariña lucense.

PROGRAMACIÓN

0.2984459400177